Continúa a batalla veciñal contra as grandes eléctricas en Celanova e Mondoñedo por macroproxéctos eólicos

Stop Eólicos Xurés Celanova enfronta outros dous proxectos de Greenalia que ameazan o medio e ás poboacións de dez concellos. Veciñanza de Sasdóniga pídenlle á Xunta e Concello de Mondoñedo a paralización doutro proxecto.

Por Galicia Confidencial | Mondoñedo | 22/06/2022 | Actualizada ás 10:37

Comparte esta noticia

Continúa a batalla veciñal en concellos e comarcas de Galicia pola instalación de macro proxectos eólicos, neste caso, en Celanova e en Mondoñedo. Así, a plataforma Stop Eólicos Xurés Celanova disporá durante a feira semanal en Celanova (si o tempo o permite) unha mesa de recollida de alegacións contra 2 proxectos de Greenalia que amplían a invasión eólica do suroeste ourensán entre o Larouco-Xurés e o Laboreiro.

Stop Eólicos Xurés Celanova acusa a varios alcaldes da zona de ser 'cómplices' do espolio de terras altas. STOP EÓLICOS XURÉS CELANOVA
Stop Eólicos Xurés Celanova acusa a varios alcaldes da zona de ser 'cómplices' do espolio de terras altas. STOP EÓLICOS XURÉS CELANOVA

O próximo luns, día de feira en Xinzo, ten a intención de repetir a mesma acción na última semana de exposición pública dos dous proxectos. Trátase do P.E. Fontesanta: unha ducia de aeroxeradores no Monte Grande, entre Bande, Verea e Rairiz de Veiga que, denuncian, terán graves afeccións aos humidais e un impacto grave na paisaxe da Baixa Limia e no patrimonio histórico e natural que garda esa área; e da LAT Lamas de Feás-A Frieira: unha liña de alta tensión de 240 torres e 42 quilómetros de percorrido que afecta veigas, aldeas, carballeiras e espazos protexidos e anuncia novos desenvolvementos eólicos entre a raia e o Miño.

As advertencias de Stop Eólicos Xurés Celanova a respecto do proxecto eólico no Monte Grande teñen que ver coa ausencia dunha avaliación completa. "É unha ameaza que comeza nas operacións de Iberdrola aínda non concretadas entre o Larouco e o Xurés, onde proxecta tres novos polígonos; e continúa coa expansión de Greenalia cara o norte do Parque Natural, ocupando con novos proxectos os montes máis altos e as áreas de acumulación de augas, desde a Aguioncha en Calvos até o Monte da Neve en Celanova, e trazando unha liña de evacuación para o servizo deses e doutros desenvolvementos eólicos nas terras altas que conservan o apreciado tesouro das augas", denuncia a plataforma.

SASDÓNIGAS

 

Por outra banda, a Asociación Galega de Consumidores e Usuarios (ACOUGA) e afectados polos parques eólicos de Sasdónigas, no municipio lucense de Mondoñedo, presentaron este mércores dous escritos dirixidos á Xunta e ao concello mindoniense para esixirlles a paralización, no prazo de 15 días, de todos os muíños que operan nas instalacións da empresa Norvento anuladas pola xustiza.

 

O coordinador de afectados por parques eólicos de ACOUGA e representante dunha parte dos afectados polo de Sasdónigas, Manuel Germade, salienta que “aínda que as sucesivas sentenzas que anulan as licencias de actividade do parque de Norvento son firmes desde hai máis de tres meses, toda vez que a propia empresa desistiu de calquera procedemento, o parque “segue funcionando a plena actividade, como se nada pasara”.

 

Nos escritos, explica Germade, pídenlle á Xunta e ao concello "que tomen as medidas necesarias para parar a actividade, porque é a súa obriga paralizar negocios sen licenza de actividade”. “Se non o fan no prazo de 15 días -advertiu- tomaremos medidas legais contra quen corresponda da administración e da empresa, que mesmo poden ter consecuencias penais”.

 

Os asinantes dos escritos porán tamén os feitos en coñecemento de REDESA (Red Eléctrica de España) para advertirlle de que está mercando enerxía ilegal e, polo tanto, debe desconectar o parque da rede pública. Do mesmo xeito, enviarán notificación ao Ministerio para a Transición Ecolóxica “para que estea informado e sexa vixiante do proceso”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta