Nova fábrica de Ence nas Pontes, é un paso para a continuidade en Lourizán?

ENCE anunciaba estudar a instalación dunha nova fábrica nas Pontes para pechar o ciclo da madeira. Reciclaríanse refugallos da pasteira de Lourizán para crear, entre outros produtos, papel tisú, con boa demanda no mercado. Os revestimimentos procederían en parte dos Fondos Next Generation mais aínda non se sabe moito máis do proxecto.

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 01/07/2022 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

ENCE anunciaba o 27 de xuño o estudo para levantar unha nova factoría nas Pontes de cara ao peche do ciclo da madeira. O investimento estaría entre os 300 e os 400 millóns de euros e, en parte, poderían financiarse con Fondos Next Generation, pensando en proxectos sustentables e de enerxías renovables. En canto á creación de emprego, a propia planta tería 150 empregados, calcúlanse 400 para empresas auxiliares e 1.000 en postos indirectos. Alén das cifras, neste momento hai polo menos unha dúbida sobre este proxecto. Significa que estamos ante unha nova “prorroga” non oficial para a factoría de Lourizán?

Celulosa de Ence en Pontevedra. Foto: sufercosmovision flickr
Celulosa de Ence en Pontevedra. Foto: sufercosmovision flickr

PRUDENCIA, OPTIMISMO E FIASCO

Ante a expectación creada polo anuncio da pasteira ENCE, o secretario xeral do PSdeG e alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, comparecía ante os medios declarando que é necesario “ser prudentes, porque estamos diante dun anuncio e cando xeramos expectativas sobre emprego debemos ser moi prudentes, pois debemos escoitar as intencións da empresa”, e o máis importante para Formoso: “saber se vai contar con fondos europeos ou non e en función diso ver se o proxecto tira para adiante, nós estaremos cos brazos abertos”.

Se ben a postura do secretario xeral do PSdeG e alcalde das Pontes chama á calma e di estar pendentes da concesión de fondos europeos por parte do Goberno central, da mesma cor política que o seu concello, o PPdeG subliña que “Galicia aínda non ten fondos asignados, nin sequera hai resposta para proxectos como os de Altri” apunta Marta Novoa. “A nosa comunidade xa presentou proxectos tractores e serían de especial axuda para comarcas tan castigadas como a das Pontes”.

O BNG, pola súa parte, non entra a valorar un proxecto que “até o de agora non é máis ca un titular de prensa”. O temor dos nacionalistas é “outro fiasco como o de PEMEX”. Alén diso, a organización frontista sinala que espera xunto “coa maioría social de Pontevedra o traslado da factoría para deixar libre a Ría de Pontevedra e cumprir coa lei”.

ENCE pola súa parte sinala que a futura bioplanta non é unha planta de celulosa, "senón que producirá fibras naturais recicladas, cun consumo de recursos naturais (auga, subproductos agroforestais, etc.), capacidade e dimensións moi inferiores ás da biofábrica de Pontevedra". Trátase dun centro de traballo independente, cunha actividade autónoma e diferenciada.

 

TEMORES E ESPERANZAS

Dito isto, o BNG non deixa de lembrar que a actual situación de ENCE na ría de Pontevedra está pendente do cumprimento dunha sentenza. “Moito tememos que podemos estar ante unha manobra de distracción, un intento da pasteira por seguir saltando a legalidade e consolidarse” na actual ubicación. “ENCE debe traballar para buscar unha nova localización”.

González Formoso, en declaracións aos medios, coincidía co PP na situación industrial e laboral da comarca. “Estamos nunha vila que leva 30 anos ofrecéndose como opción para un centro de transformación da madeira e temos potencialidades para iso”. Esas potencialidades sitúan as Pontes “dentro do eixo da produción de madeira A Mariña e Ferrol, e estarmos ubicados xunto á produción de gas natural a alta presión, contamos con fonte de auga crúa, por tanto temos potencialidades” para acoller proxectos como o presentado por ENCE.

“Vai pasar un ano antes de termos os estudos definitivos” apunta Marta Novoa. Ditos estudos deben sinalar se a empresa “é viable ou non, mesmo con fondos Next Generation e dentro do PERTE que deseñou o Goberno central”. En caso de que os fondos da UE sexan concedidos a esta nova factoría, Novoa estima que “hai unha boa oportunidade de ampliar o proxecto”.

En tal caso,  ENCE e Xunta de Galicia, ofrecerán este xoves, día 30 de xuño, "unha rolda de prensa conxunta para detallar esta información. Con este proxecto, Ence complementa a actividade da súa biofábrica de Pontevedra, a través dunha bioplanta dedicada a unha actividade innovadora, autónoma e distinta: a produción de biomateriales, entrando no sector da fibra recuperada".

A nova factoría anunciada por ENCE e que aínda é só un anuncio, si dinamizaría economicamente a comarca das Pontes, mais até que punto? Sería un paso de cara a evitar o peche da factoría en Lourizán? Ou podemos estar diante dunha manobra de “portas xiratorias” en caso de ser concedidos os permisos necesarios para a súa apertura? Polo momento non hai certezas mais si anuncios e ilusións.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

1 Breoland

Ogalla se instale en As pontes xa que Pontevedra non quere empregos

1 Sábado

Do que si, o lixo cambiado de sitio.

2 eduardo beiras garcia

1º Non sei que quere dicir eso de "ogalla", verba de orixen arabe derivada de Oh, Alha(quiera dios)sen traduccion ao galego, naturalmente. 2º Xa qeu non te interesa manter limpa de toxicos a tua terra, non sei por que non vas a traballar as minas de Sanfins que tamen contaminan dabondo e podes gañar mais cartos.