As vítimas do Alvia manifestaranse en Santiago polo noveno aniversario do accidente

Os actos de homenaxe deste ano estarán marcados polo anuncio de celebración do xuízo, previsto para outubro.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 21/07/2022 | Actualizada ás 12:05

Comparte esta noticia

A Asociación Plataforma Vítimas Alvia 04155 convocou diferentes actos para este fin de semana, a maioría dos cales se celebrarán o domingo 24 de xullo --día no que se cumpren nove anos do accidente--, cunha manifestación que percorrerá Santiago e unha concentración en Angrois.

Cartel de convocatoria dos actos de homanexe do accidente do Alvia de Santiago, ocorrido en Angrois en 2013
Cartel de convocatoria dos actos de homanexe do accidente do Alvia de Santiago, ocorrido en Angrois en 2013 | Fonte: PLATAFORMA VÍTIMAS TREN SANTIAGO.

Con todo, os actos comezarán o sábado 23 de xullo cunha asemblea ás 19,00 horas no Pazo de Faramello. Trátase, explica a propia asociación, dunha reunión informativa para asociados e afectados o suceso. O domingo 24, día no que se cumprirán nove anos do accidente que se cobrou a vida de 80 persoas e que deixou case 150 feridos, as vítimas e familiares poderán asistir a unha misa na Colexiata de Santa María de Sar ás 10,30 horas.

A asociación convocou unha marcha desde estación de ferrocarril para, a partir das 12,00 horas, saír desde alí ata a Praza do Obradoiro. Ás 13,00 horas, na praza compostelá, concentraranse e procederán á lectura do manifesto da manifestación.

Xa pola tarde, os actos de recordo trasladaranse á parroquia de Angrois. Ás 19,00 horas volverán concentrarse na ponte de Angrois e ás 19,30 horas, no campo da festa da aldea, dará comezo o tradicional acto de homenaxe ás vítimas do accidente que finalizará cunha ofrenda floral de rosas brancas.

Por último, o luns 25 de xullo as familias afectadas reuniranse ás 12,00 horas no Xardín do Recordo no Pazo Faramello.

O contexto no que se enmarcará este aniversario será diferente ao de anos anteriores para vítimas e familiares, posto que será en outubro de 2022 cando finalmente arrinque o xuízo polo accidente de Angrois.

O xulgado do penal número 2 de Santiago ratificaba a principios de xuño as datas do proceso. Comezará o 5 de outubro de 2022 e realizarase durante case nove meses ata xuño de 2023 --divido en parte penal e civil--.

O lugar elixido para a celebración é a Cidade da Cultura xa que, tal e como explicou a Xunta de Galicia no seu momento, trátase dun espazo suficientemente amplo como para acoller non só aos implicados no proceso, senón tamén aos numerosos medios de comunicación que se espera cubran o proceso.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta