AGA Ucraína esixe a cancelación do concerto de Emir Kusturica no Festival Noroeste

A alcaldesa asegura que o evento "vai seguir adiante" porque se trata de vinculacións "totalmente falsas"

Por E.P. | A CORUÑA | 22/07/2022 | Actualizada ás 14:19

Comparte esta noticia

A asociación AGA Ucraína esixiu ao Concello da Coruña a cancelación do concerto de Emir Kusturica & The no smoking orchestra programado para o próximo 11 de agosto no marco do Festival Noroeste Estrella Galicia da Coruña. Anunciaron ademais actos de protesta e "boicot" ao evento.

A entidade, constituída tras a invasión de Rusia a Ucraína, informou a través dun comunicado que o artista serbio "apoia abertamente" o presidente ruso Vladimir Putin e "as ilegais e terroristas operacións militares que Rusia leva facendo en territorio ucraíno desde 2014". O escrito lembra que en 2016 Kusturica recibiu a Orde da Amizade de Vladimir Putin, unha das máis altas distincións civís ofrecidas aos estranxeiros en Rusia. Engade ademais unha petición "a Estrella Galicia" para que "non financie" o evento.

Pola súa banda, a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, asegurou que "o concerto vai seguir adiante", tras insistir en que estas acusacións son "totalmente falsas".

"TOTAL REXEITAMENTO"

Rey explicou que tras lanzarse estes "bulos" Emir Kusturica emitiu un comunicado no que "desmentía taxantemente" a súa vinculación con Putin e co Goberno ruso e mostraba "o seu total rexeitamento" aos conflitos bélicos e á invasión de Ucraína por parte de Rusia. "A cultura na Coruña non se cancela", reiterou a alcaldesa, baixo o argumento de que "non hai que politizala".

Respecto dos seus concertos noutras localidades, a asociación sinalou que o espectáculo que Kusturica tiña previsto dar no Palau da Música de Barcelona o pasado 30 de marzo foi cancelado días antes "pola presión da comunidade ucraína de Cataluña".

Neste sentido, Inés Rey afirmou que "todas as actuacións que ten previstas en España se manteñen" e a de Barcelona "foi cancelada sen motivo e vaise reprogramar". A rexedora fixo estas declaracións a preguntas dos xornalistas tras a presentación este venres do concerto que dará Rosalía na cidade herculina o próximo 29 de xullo.

OUTRAS PROTESTAS

No comunicado, AGA Ucraína súmase tamén á protesta da Asociación de Ucraínos Girasol de Vigo e pide que se negue a entrada no porto de Vigo da fragata rusa Shtandart o próximo 22 de xullo. "Non se pode permitir que estes eventos teñan lugar en Galicia mentres Rusia masacra á poboación civil en Ucraína", sinala o comunicado.

Acto de presentación do Festival Noroeste na praia de Riazor, A Coruña
Acto de presentación do Festival Noroeste na praia de Riazor, A Coruña | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta