A Xunta deixou a Verín, Arbo, Valdeorras e O Courel excluídas dos contratos de limpeza de montes en 2021 e 2022

Medio Rural aínda non resolveu o concurso para limpar este ano 19 áreas de actividade incendiaria. Desde a consellería din que teñen unha estratexia" a prol da prevención claramente definida" que se executa ao longo de todo o ano.

Por Xurxo Salgado | Compostela | 04/08/2022 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A Consellería do Medio Rural leva nove meses agardando para a contratación dos servizos de limpeza de 19 zonas de alta actividade incendiaria en Galicia. Un contrato que saíu en decembro de este ano para a limpeza de numerosos montes durante os anos 2022 e 2023 e que aínda non foi executado. Entre as zonas previstas neste contrato non están, curisosamente, montes que xa se queimaron nas vagas deste verán como os do Courel, Valdeorras, O Invernadeiro, Arbo ou Verín.

Condutor de motobomba carga o camión de auga desde o río Balboa, en Pradoalbar, a 22 de xullo de 2022, no incendio forestal nas inmediacións de Vilariño de Conso
Condutor de motobomba carga o camión de auga desde o río Balboa, en Pradoalbar, a 22 de xullo de 2022, no incendio forestal nas inmediacións de Vilariño de Conso | Fonte: Rosa Veiga - Europa Press.

 

En decembro de 2021 sacaba, por case cinco millóns de euros, a contratación as obras de tratamentos silvícolas para a prevención de incendios forestáis, cofinanciadas nun 75% coa submedida 8.3 do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) no marco do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia 2014-2020. Trátase dun concurso para limpar en 19 zonas diferentes de distritos forestais de tres provincias galegas, Pontevedra, Ourense e A Coruña. Neste concurso non se incluíu a limpeza de ningún monte da provinca de Lugo que foi a máis afectada pola vaga de incendios de xullo.

 

O obxecto desta contratación é a realización de obras de tratamentos silvícolas para a prevención de incendios, "co fin de crear descontinuidades verticais e horizontais da cuberta vexetal, no control da vexetación e eliminación de combustible", segundo o prego do concurso ao que tivo acceso Galicia Confidencial.

A Pobra de Brollón, Lugo. Incendio de Saa, na Pobra do Brollón.. CARLOS CASTRO - EUROPA PRESS
A Pobra de Brollón, Lugo. Incendio de Saa, na Pobra do Brollón.. CARLOS CASTRO - EUROPA PRESS | Fonte: Europa Press

 

OS INCENDIOS, "UN PROBLEMA AMBIENTAL"

 

Medio Rural xustifica o concurso porque o sector forestal é "un elemento clave na economía verde de Galicia". "Un compoñente esencial para a sustentabilidade forestal é a protección dos espazos forestais fronte aqueles axentes, como son os incendios forestais, que ameazan as súas características básicas e a súa propia persistencia", apunta

 

"Os incendios forestais constitúen un dos máis importantes problemas ambientais de Galicia, polo que son puntos clave para contribuír ao desenvolvemento dos bosques a execución de obras de tratamentos silvícolas para a prevención de incendios, creando descontinuidades verticais e horizontais da cuberta vexetal, no control de la vexetación e eliminación de combustible, fundamentalmente a través de rareos, rozas e podas", engade. Con todo, parte dos traballos a realizar en montes galegos xa non terán moito sentido facelos agora porque algúns xa arderon nas sucesivas vagas de incendios que están a afectar ao país.

 

TRES PROVINCIAS

 

O contrato recolle limpezas en distintos montes de tres provincias. Así, na da Coruña, a Xunta prevé tratamentos silvícolas preventivos en montes da demarcación Xallas-Muros, Distrito Forestal V. Fisterra, nos montes Lume e Da Braxe, Distrito Forestal I: Ferrol,no Río do Sol do Distrito Forestal IIBergantiños Mariñas Coruñesas, no monte Barbanza, Enxa e Dordo - Distrito Forestal IV – Barbanza (A Coruña), no monte Araño - Distrito Forestal IV – Barbanza, nos montes da Demarcación de Xallas, Concello de Carnota, Mazaricos e Muros do Distrito Forestal V, Fisterra, na demarcación de Barbanza, Distrito Forestal IV Barbanza e nos montes Castelo, Fraga de Areosa, e Pedroso (de Figueiras e de San Fructuoso e Santa Susana) no Distrito Forestal III Santiago-Meseta Interior.

En Ourense prevé limpezas nos montes dos concellos de Castro Caldelas e Manzaneda, Distrito Forestal XIII-Valdeorras-Trives, os montes da demarcación forestal do Ribeiro, Distrito Forestal XI-O Ribeiro- Arenteiro na demarcación Valdeorras I do Distrito Forestal XIII: Valdeorras-Trives, en varios montes do concello da Veiga, Distrito Forestal XIII: Valdeorras-Trives, en montes dos concellos de Baltar, Calvos de Randín e Os Blancos, distrito forestal XV-A Limia (Ourense) e en montes do Distrito Forestal XIIMiño-Arnoia.

En Pontevedra, na MVMC dos concellos de Cerdedo-Cotobade e Forcarei, Distrito Forestal XVI, Deza-Tabeirós (Pontevedra), nos MVMC de “Cabalo” (Soutomaior) e “Louredo” (Mos), na demarcación Vigo 2 do Distrito Forestal XVIII-Vigo-Baixo Miño (Pontevedra),  nos montes de UP nº 1 Agüeiros (Arcos da Condesa, Caldas de Reis) e nº 139 Salgueiras (Pontecesures) no Distrito Forestal XIX Caldas-O Salnés (Pontevedra),nos MVMC Pedra que Fala (O Porriño), Chandebrito e Priegue (Nigrán) e Vilaza (Gondomar), do Distrito Forestal XVIII Vigo-Baixo Miño (Pontevedra).

A XUNTA DI QUE ESTÁ EN "FASE DE ADXUDICACIÓN"

Consultado Medio Rural polo atraso neste concurso, fontes desta consellería indican que o referido contrato está en fase de adxudicación nestes momentos. "Como se pode ver no nome do propio contrato, é para a execución en 2022 e 2023", din. 

 

En todo caso, indican que a Consellería do Medio Rural ten unha estratexia" a prol da prevención claramente definida" que se executa ao longo de todo o ano. Neste, apuntan ao Plan preventivo 2022, "que contempla un investimento de 33,1 millóns de euros para poder actuar en máis de 58.600 hectáreas do territorio galego e en case 5.800 quilómetros de pistas forestais e outras vías de comunicación". "Prevese tamén a construción de arredor dun cento de novos puntos de auga e a mellora dos máis de 4.700 existentes", engaden.

 

Ademais, fontes deste departamento galego suliñan que desde a Consellería do Medio Rural están actualmente en execución outras accións transversais que tamén inciden na prevención. E poñen como exemplo os máis de 8 millóns de euros en traballos preventivos -actualmente en execución- que contemplan a mellora de infaestruturas preventivas, obras de mellora de pistas, apertura ou mellora de cortalumes, creación de faixas auxiliares ou tratamentos silvícolas.

 

Tamén indican que, desde maio de 2021 está en vigor a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, que impulsa figuras de posta en valor como as aldeas modelo (19 aprobadas), os polígonos agroforestais (10 xa iniciados e cinco en fase de actuacións previas) ou as agrupacións de xestión conxunta." En total, máis de 5.000 hectáreas de terreo están sendo mobilizadas, beneficiando case 7.000 propietarios dunhas 28.000 parcelas, e co conseguinte avance na anticipación nos incendios, ao servir a actividade agraria que se impulsa de devasa natural fronte aos lumes", apuntan ao eludir tamén aos beneficios para os montes galegos do  Plan de pastos de Galicia, "que busca converter os montes veciñais en pasteiros para o gando".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Canto falta por andar!!!

¿Limpar, hai plásticos? A ver cando asumimos que o mato non é lixo senón o refuxio e numerosa fauna como lobos, xabaríns, raposos... O que non se pode facer é plantar pinos e eucaliptos como se non houbese un mañá. Arden como a gasolina e o lume pasa de copa en copa.