Os lumes de Laza e Chandrexa únense nun gran incendio que arrasa 2.100 hectáreas

A superficie queimada en Galicia no que vai de agosto achégase ás 8.000 hectáreas

Por Europa Press / Redacción | Ourense | 11/08/2022 | Actualizada ás 20:32

Comparte esta noticia

A provincia de Ourense segue unha xornada máis castigada polos incendios forestais, aínda que o Goberno galego é optimista sobre a evolución. Segundo o último parte da Consellería do Medio Rural, os incendios de Laza e de Chandrexa de Queixa uníronse nun único lume e as hectáreas queimadas ascenden xa, segundo as medicións provisionais, a 2.100.

Un home fotografa as chamas do incendio forestal, a 10 de agosto de 2022, en Laza
Un home fotografa as chamas do incendio forestal, a 10 de agosto de 2022, en Laza | Fonte: Rosa Veiga - Europa Press.

En todo caso, e aínda que o lume permanece activo, o departamento galego incide en que a situación evoluciona favorablemente cara á súa estabilización.

Ademais, no seu parte desta tarde, Medio Rural informa dun lume en Vilariño de Conso, na parroquia de Sabuguido, que afecta o Parque Natural do Invernadeiro --nunhas 0,21 hectáreas--. O conato iniciouse ás 17,39 horas e deuse por controlado ás 18,55 deste xoves.

Activos seguen tamén os lumes iniciados, respectivamente, na parroquia de Astureses, en Boborás, e en San Cosmede de Cusanca, no Irixo. No primeiro caso, hai 120 hectáreas queimadas, mentres que a superficie afectada polas chamas no Irixo ascende a 680.

Pero tamén nesta zona os traballos de extinción están a dar froitos e Medio Rural traslada que foi desactivada a 'situación 2 no distrito forestal XI O Ribeiro-Arenteiro, tras remitir o perigo para os núcleos de poboación. Tanto no incendio de Boborás como no do Irixo estase avanzando nas liñas de control cara á súa estabilización.

Entre tanto, permanece estabilizado o incendio rexistrado en Casaio, en Carballeda de Valdeorras, que calcinou 440 hectáreas.

Por outra banda, estabilizado segue o incendio iniciado na parroquia de Cures, en Boiro (A Coruña). Medio Rural calcula que as hectáreas afectadas neste caso roldan as 2.200.

E tamén na provincia coruñesa, quedou extinguido ás 14,19 horas deste xoves uno dos incendios das Pontes, o iniciado na parroquia de Vilavella. Queimou 59,82 hectáreas (9 de arboredas e o resto de monte raso). O outro incendio, na parroquia homónima das Pontes, permanece controlado cunha estimación de superficie queimada de 105 hectáreas.

8.000 HECTÁREAS

Tras a nova actualización, a superficie queimada polo lume en Galicia no que vai de agosto avanza cara ás 8.000 hectáreas queimadas.

Esta cifra súmase ás máis de 34.000 hectáreas que arderon na segunda quincena de xullo, principalmente por mor das treboadas secas do 14 de xullo, cando raios provocaron medio cento de incendios. Aquí, inclúense os dous maiores lumes na historia de Galicia desde que hai rexistros: O Courel (Lugo) --11.100 hectáreas-- e Valdeorras (Ourense) --10.500 hectáreas--.

Na vaga de lumes do mes de agosto, o maior ata a data foi o do Barbanza, con 2.200 hectáreas arrasadas --aínda que o de Laza xa está case ao mesmo nivel, tras a súa unificación co lume de Chandrexa--.

O de Boiro iniciouse na cheminea dunha vivenda particular, segundo a investigación realizada pola Policía Autonómica. Aínda que está estabilizado, este xoves cumpre unha semana aínda sen controlar tras iniciarse o 4 de agosto.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta