O cambio climático ameaza o sector marisqueiro

Científicos avisan de que o quecemento do mar desprazará ameixas, berberechos e mexillóns desde zonas máis interiores cara ao exterior das rías e limitará o seu crecemento e reprodución, causando “cambios socioeconómicos”.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 20/08/2022 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Os cambios que se están producindo no planeta por mor da crise climática mudarán o estado dalgúns dos recursos marisqueiros más importantes das rías galegas, as ameixas e os berberechos. Nos últimos anos, científicos mariños impulsaron diversos estudos en augas de Galicia sobre os impactos do cambio climático sobre este molusco bivalvo. Soubemos así que o quecemento paulatino do mar pode causar no futuro estragos na ameixa babosa, e tamén en berberechos, con mortalidades significativas e unha diminución máis dramática no seu crecemento e da actividade de excavación, como evidenciou un estudo realizado no Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo. Tamén soubemos, por outro traballo de investigadoras do EphysLab (Environmental Physics Laboratory) da Universidade de Vigo, e do Departamento de Física do Centro de Estudos do Ambiente e do Mar (CESAM) da Universidade de Aveiro (Portugal), que os cada vez máis habituais episodios de choivas torrenciais contribuirán á perda de salinidade do mar e poderán aumentar a mortalidade destes bivalvos. Agora, parte deses mesmos equipos científicos achegan novidades cos resultados doutra investigación na que alertan de importantes cambios nas ameixas e para o marisqueo nas rías polo quecemento do mar.

Bateas na ría de Vigo
Bateas na ría de Vigo | Fonte: Gabriel González - pxhere.com.

Os investigadores analizaron o impacto que terá o aumento da temperatura do mar nas ameixas babosa (Venerupis corrugata), xaponesa (Ruditapes philippinarum) e fina (Ruditapes decussatus), e no berbercho (Cerastoderma edule). Concretamente, fixeron proxeccións sobre a distribución xeográfica das zonas de confort térmico destes bivalvos ao longo do século XXI. E o que atoparon foi que esas zonas de confort se desprazarán e, con elas, “o método de colleita probablemente se verá afectado”, avisan.

As proxeccións realizáronse para as Rías Baixas no marco do escenario de cambio climático RCP8.5, o peor e máis pesimista que considera a comunidade científica

O estudo realizouse sobre as Rías Baixas, mediante un modelo de simulacións con datos do proxecto EURO-CORDEX no marco do escenario RCP8.5. A comunidade científica internacional traballa con catro escenarios de cambio climático nas súas proxeccións, asumindo diferentes niveis de esforzo de redución de emisións de gases de efecto invernadoiro a nivel global; en cada un destes escenarios teríanse diferentes impactos do cambio climático. Así, o escenario RCP2.6 é o máis optimista, cunha redución de gases; os RCP4.5 e RCP6.0 son os de estabilización das emisións, e o RCP8.5 é o escenario extremo, cun nivel moi alto de emisións seguindo a tendencia actual de aumento a nivel global. O RCP4.5 (intermedio) e RCP8.5 (extremo) son os escenarios cos que máis traballa a comunidade científica, dados os escasos e lentos pasos que se deron até agora para frear as emisións de gases. Para este estudo, o equipo científico fixo as súas proxeccións sobre o peor dos escenarios esperados, o 8.5. As simulacións aplicáronse para os meses de xullo e agosto en tres períodos futuros (2025-2049, 2050-2074 e 2075-2099).

Ademais, calculouse un índice de confort térmico para analizar os efectos do quecemento do océano na época estival sobre as catro especies de ameixa e berberecho que indica a porcentaxe de tempo durante o cal a temperatura media diaria da auga do fondo está dentro do intervalo térmico óptimo desas especies estudadas. Como explican, “o rango térmico óptimo garante o mellor rendemento ecofisiolóxico sen producir respostas negativas durante os meses de verán”.

Mariscadoras na praia de Lourido
Mariscadoras na praia de Lourido | Fonte: Xunta de Galicia.

Así, para a ameixa babosa o rango térmico óptimo considerado é entre os 15 °C e 20 °C; para a ameixa xaponesa, entre 15 °C e 25 °C; para a ameixa fina, entre 18 °C e 25 °C, e para o berberecho, entre 17°C e 23 °C.

O que atoparon co seu modelo foi que as zonas con condicións de temperatura óptimas situadas na zona media e exterior das rías poden aumentar nun futuro próximo para o berberecho e as ameixas fina e babosa, e diminuír nun futuro para a xaponesa. Ademais, os bancos marisqueiros situados nas zonas menos profundas do interior das Rías Baixas poderían verse afectados polo aumento da temperatura da auga, reducindo as zonas produtivas das catro especies a finais de século. Por iso, advirten, “os cambios previstos na condición térmica probablemente supoñan cambios na modalidade de recollida do marisco (a pé ou a bordo de embarcacións) con consecuencias socioeconómicas aparelladas”.

CAMBIOS DE ZONAS DE CONFORT PARA BERBERECHOS E AMEIXAS

Os datos históricos mostran que, en xeral, as zonas de confort térmico da auga para estas especies durante os meses de xullo-agosto durante o período histórico 1990-2019 coincidiron coa distribución do hábitat das especies onde se realiza principalmente a recolección na actualidade. De feito, explican que as zonas de confort térmico observáronse principalmente na parte interna das rías para berberechos e ameixas fina e xaponesa, e no intermareal inferior e no submareal pouco profundo para a ameixa babosa.

Os datos apuntan a unha diminución das condicións de confort térmico nas zonas menos profundas da parte interna das rías no último cuarto de século

As simulacións realizadas mostran que os cambios nas condicións térmicas da auga proxectadas para un futuro afastado (2075-2099), baixo o peor dos escenarios do cambio climático, afectarán as catro especies en diferentes graos, dependendo da zona e das condicións térmicas óptimas.

Así, as proxeccións apuntan a unha diminución das condicións de confort térmico nas zonas menos profundas da parte interna das rías no último cuarto de século. Unha diminución que pode ser de arredor do 50 % para as ameixas fina e xaponesa, e de aproximadamente un 75 %, ou mesmo superior, para a ameixa babosa e o berberecho.

Pola contra, as simulacións mostran un incremento das condicións de confort térmico superior ao 75 % para o berberecho e as ameixas fina e babosa na parte exterior e media das rías, e do 50 % para a ameixa xaponesa.

Segundo os autores do estudo, “este patrón débese principalmente ao aumento previsto de 3,3 °C na temperatura da auga das Rías Baixas a finais de século”. Ademais, engaden, “as partes externas e medias das rías poden facerse máis quentes debido á diminución proxectada da eficacia dos eventos de afloramento”.

“O quecemento faría que as zonas exteriores e medias das rías sexan termicamente confortables para estas especies, xa que a temperatura do fondo pode superar con frecuencia o límite térmico óptimo inferior (entre 15 e 18 °C). Pola contra, a parte interior pode converterse en zonas máis vulnerables debido ao aumento tanto da radiación solar como da temperatura do aire. Así, especies como a ameixa babosa e o berberecho poden atoparse con condicións incómodas, xa que se espera que se superen os seus límites térmicos superiores óptimos (20 °C e 23 °C, respectivamente)”, detallan.

Respecto á temperatura da auga nas zonas exteriores e medias das rías, comentan que “aínda que se faga termicamente confortable, os bancos de pesca intermareal poderían estar sometidos a un estrés severo durante a marea baixa durante as ondas de calor atmosféricas, especialmente nos períodos de baixamar a media tarde durante o verán”. Con todo, din que son “necesarias máis investigacións sobre o impacto das ondas de calor atmosféricas, incluíndo a modelización do transporte térmico no sedimento, xa que se prevé que tales eventos aumenten en frecuencia e intensidade, dando lugar a un estrés adicional ao aumento da temperatura media da superficie do mar”.

Os cambios nas condicións de confort térmico para o futuro próximo e a medio prazo mostraron patróns similares, aínda que menos intensos, aos obtidos para o futuro máis afastado. Así, para un futuro próximo, proxéctase unha diminución do confort térmico nas zonas menos profundas da parte interna das rías con valores inferiores ao 25 % para todas as especies. Á par, prevese un aumento do confort térmico na parte exterior e media das rías de entre un 5 % e un 25 % para o berberecho e as ameixas fina e xaponesa, e un incremento superior ao 50 % para a ameixa babosa.

Os científicos prevén un aumento da extensión total da área de confort térmico para as ameixas babosa e fina e para o berberecho, mais non para a ameixa xaponesa

Para o futuro a medio prazo, proxéctase unha diminución dese confort térmico inferior ao 50 % para todas as especies na parte interna das rías e un aumento no exterior e parte media das rías de ata un 50 % para o berberecho e as ameixas fina e xaponesa, e dun 75% para a ameixa babosa.

“En xeral, as zonas de confort térmico das rías poden desprazarse das zonas pouco profundas da parte interior ás das partes media e exterior ao longo do século XXI. As zonas de marisqueo da parte máis interna das rías terán moi probablemente condicións térmicas incómodas para especies como a ameixa babosa e o berberecho. Ademais, a produtividade dos bancos marisqueiros en relación coa ameixa fina e xaponesa tamén podería verse afectada nas zonas interiores e menos profundas da Ría de Vigo e Ría de Arousa”, resumen os autores do estudo.

EXTENSIÓN

O equipo científico cuantificou a extensión total da área de confort térmico actual para estas especies: 68,44 km2 para a ameixa fina, 111,60 km2 para a xaponesa, 128,39 km2 para a ameixa babosa e 73,38 km2 para o berberecho. Particularmente, a ameixa babosa ten o maior rango de ocupación “debido ao seu limiar térmico óptimo máis amplo, de 15-25 °C”, comentan.

De cara ao futuro, no peor dos escenarios do cambio climático, esperan que a extensión total da área de confort térmico da ameixa fina e do berberecho aumente a diferentes ritmos ao longo do século XXI debido á diferenza dos seus límites superiores de confort, de 25 °C para a primeira e de 23 °C. para o segundo. Aínda que este aumento pode ser lixeiramente maior para o berberecho (7,35 km2 fronte a 6,56 km2) nun futuro próximo, similar para ambas as especies (arredor de 15,7 km2) no futuro medio e maior para a ameixa fina (28,83 km2) no futuro máis afastado, cando o aumento da superficie total pode ser insignificante para o berberecho (1,05 km2).

Tamén prevén que a superficie total para a ameixa babosa aumente no futuro, que pode ser maior no prazo máis curto (43,44 km2) que no futuro medio (37,34 km2) e lonxano (arredor de 11 km2).

Este patrón é diferente dos descritos para a ameixa fina e o berberecho debido, “principalmente, aos límites de confort óptimo inferior e superior máis pequenos para a ameixa babosa e ao feito de que esta especie se pode recoller a profundidades de ata 15 metros”.

As condicións de estrés térmico nas partes internas das rías darían lugar a “bancos marisqueiros menos produtivos” e “poden provocar unha diminución drástica das capturas” e, polo tanto, “perdas económicas" 

Pola contra, a extensión total das áreas de confort térmico para a ameixa xaponesa mostra un aumento insignificante no futuro próximo (1,53 km2), ningún cambio no futuro medio e unha diminución (−9,85 km2) no futuro afastado, a pesar de ter unha tolerancia térmica máis ampla (15-25 °C).

Este patrón da ameixa xaponesa “podería explicarse polo feito de que, como consecuencia do aumento da temperatura da auga durante o século XXI, o número de días nos que se supere o límite superior de confort térmico non se poderá compensar co número de días nos que se exceda o límite menor de confort térmico”, clarifican. Con todo, o estudo prevé que a ameixa xaponesa sería a especie con maior área de de distribución a finais do século.

Non obstante, na investigación “só se consideraron os cambios de extensión relacionados coas áreas de confort térmico” e, “aínda que as proxeccións mostran un aumento das zonas termicamente confortables durante o século XXI”, apuntan que existen “outros factores que determinan a distribución destas especies, como o tipo de sedimento, a hidrodinámica, a alimentación ou a depredación, que tamén poden ter un papel na configuración da extensión prevista da zona”.

CONSECUENCIAS PARA O SECTOR MARISQUEIRO

As catro especies estudadas “son de grande importancia económica para a pesca artesanal en Galicia”, cunha facturación duns 57 millóns de euros en 2020 e 202”, subliñan.

As condicións de estrés térmico prolongado que mostran as proxeccións futuras para as zonas pouco profundas das partes internas darían lugar a “bancos marisqueiros menos produtivos” e “poden provocar unha diminución drástica das capturas” e, polo tanto, “supoñer perdas económicas para o sector marisqueiro”, avisan os autores do estudo

O aumento da temperatura do mar “pode reducir o éxito reprodutivo dos bivalvos, con cambios nos momentos e a duración da reprodución e o número e tamaño dos gametos”

Aínda que recoñecen que “estes bivalvos son capaces de facer fronte a condicións térmicas desfavorables adaptando mecanismos fisiolóxicos e de comportamento”, alertan de que “períodos sostidos durante os que se superan os límites térmicos poden ter efectos non só letais, senón tamén subletais sobre o potencial de crecemento, que provocan, por exemplo, un atraso no tempo necesario para que a especie alcance o tamaño comercial”.

Ademais, sinalan que a diminución das condicións de confort térmico, cun aumento da temperatura do mar, “pode reducir o éxito reprodutivo dos bivalvos a través de diversos mecanismos, como os cambios nos momentos e a duración da reprodución e o número e tamaño dos gametos”. “Tales alteracións”, avisan, “non son triviais, xa que poden provocar fallos no recrutamento nos bancos marisqueiros”.

Todo isto, engaden, pode provocar no futuro “cambios socioeconómicos” que “poden afectar especialmente as mulleres, xa que historicamente o marisqueo nas zonas intermareais foi realizado principalmente por mulleres a pé, mentres que os homes realizaron a pesca a bordo de barcos en zonas máis profundas”.

TAMÉN O MEXILLÓN

Este patrón térmico, máis cálido na parte interna en comparación coas partes media-exterior das rías, foi descrito en estudos recentes sobre o impacto do cambio climático no mexillón. Como publicamos neste xornal, investigadores do Laboratorio de Física Ambiental Ephyslab da Universidade de Vigo e do Departamento de Física do Centro de Estudos do Ambiente e do Mar (CESAM) da Universidade de Aveiro (Portugal) presentaron en 2020 os resultados doutro estudo no que se avisou de que o quecemento do mar modificará o mexillón galego e obrigará a trasladar as bateas.

Os mexillóns tamén terán un crecemento máis lento e menor produtividade, debido ao quecemento do mar, e as bateas terán que desprazarse cara ao exterior das rías

Así, as proxeccións indican que a finais deste século estes moluscos van estar sometidos a un estrés térmico que se traduce nun crecemento máis lento e nunha menor produtividade, debido ao quecemento do mar. 

Teremos mexillóns “sometidos a condicións de estrés, limitando o seu crecemento e, por tanto, diminuíndo a produtividade”, advertiron.

Neste caso, para realizar as proxeccións futuras utilizouse tamén o escenario de cambio climático RCP8.5, que é o máis pesimista e o máis probable se non muda o modelo enerxético e se continúan aumentando as emisión de gases de efecto invernadoiro.

Entre as posibles solucións, os científicos xa propuxeron que “cambiar a localización dos polígonos de bateas pode mitigar o impacto do cambio climático”. Máis concretamente, indican que “as áreas externas das rias parecen ser máis recomendables para novas localizacións”. O mesmo ocorrerá coas ameixas e os berberechos se non se pon freo a esta crise climática.

Mariscadoras traballando
Mariscadoras traballando | Fonte: Xunta de Galicia.
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta