Rueda enxalza o modelo Coren: "Se non existise algo así en Galicia habería que inventalo"

O titular da Xunta pide que as empresas galegas se beneficien "da oportunidade única" do Perte alimentario.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/08/2022 | Actualizada ás 17:20

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, visitou as instalacións do centro loxístico do grupo Coren, situado na localidade ourensá de Santa Cruz de Arrabaldo, onde puxo en valor o "potencial" da industria alimentaria galega e en concreto a ourensá, e apelou a que se "beneficien da oportunidade única" que supón o Perte alimentario.

Antes de percorrer por primeira vez como presidente da Xunta as instalacións do centro de procesado avícola de Coren, Rueda destacou "o gran traballo que realizan empresas coma esta para que os produtos do agro galego "sexan recoñecidos pola súa calidade no mundo". Así enxalzou ao grupo Coren como "un exemplo do enorme potencial que ten o rural galego e as oportunidades que ofrece o sector".

Acompañado polos conselleiros de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, e de Medio Rural, José González, o titular do Goberno galego fixo referencia "ao apoio ao tecido empresarial", e incidiu nas "facilidades" implantadas pola Xunta de Galicia para facer realidade proxectos empresariais. Deste xeito referiuse á lei de simplificación administrativa cunha nova figura, a da iniciativa empresarial prioritaria, para acurtar á metade os prazos dos trámites necesarios para levar a cabo "proxectos claves" para a economía de Galicia.

Nesta liña, o presidente da Xunta manifestou a preocupación que hai no Proxecto Estratéxico para a Recuperación e Transformación Económica, Perte, no sector agroalimentario. Explicou que "o reto que hai por diante é aproveitalo", porque "industrias como Coren teñen que ter cabida nestas axudas, non se entendería que Coren e outras empresas con proxectos estratéxicos de nivel e calidade non tivesen a oportunidade de beneficiarse destas axudas únicas", reclamou.

Neste sentido apuntou directamente ao Goberno Central e solicitou que "active xa o plan" para que as industrias do sector agroalimentario se poidan beneficiar, "que non suceda como noutros ámbitos do Perte, no que empresas moi potentes, con magníficos proxectos a día de hoxe, non poden estar incluídas". Así insistiu unha vez máis en que desde a Xunta de Galicia se ofrece "axuda" porque á parte do acompañamento que poden facer economicamente, "tamén lle corresponde ás administracións axudar desde o punto de vista de simplificar toda a burocracia que se poida'.

SETEMBRO "MOI DURO"

A visita realizouna xunto ao máximo dirixente do grupo ourensán, Manuel Franqueira, que foi o encargado de visibilizar a dependencia dos mercados internacionais en varios produtos, así como analizar o escenario económico.

"Con toda esta situación de subida da enerxía do gas e da guerra as nosas materias primas triplicáronse e veremos un setembro moito máis duro para as empresas e os empresarios", advertiu Franqueira, quen afirmou que seguen facendo "as cousas como antes", pero alertou de que "hai que tentar buscar medidas para baixar eses custos porque se non funciona unha empresa non hai traballo e sen traballo son miles de persoas as que se poden ver afectadas".

Do mesmo xeito, puxeron a preocupación na materia prima e trasladaron que Coren tivo que recorrer a outros países debido á guerra entre Ucraína e Rusia, polo que xa non é só o incremento na materia prima, senón tamén o incremento en materia de transportes, "aumentamos en máis de quince millóns de euros os custos", expuxo Franqueira.

Por todo iso, o presidente do Goberno galego comprometeuse a "seguir axudando" o empresariado e de forma concreta referiuse a Coren. "Agora mesmo ten máis de 3.000 traballadores, unhas cifras que fan considerar que se non existise algo como Coren en Galicia habería que inventalo", enxalzou, para apostilar que non ten "dúbidas de que seguirá superando retos como os que ten agora coa enerxía, en materia de transportes e na competitividade do mercado internacional".

Así mesmo, lembrou desde o 2009 a empresa recibiu por parte do Goberno galego 30 millóns de euros para diferentes proxectos e que "seguirá o compromiso de seguir axudando ante novos retos e dificultades".

Visita do presidente da Xunta, xunto aos conselleiros de Medio Rural e de Economía, a Coren. ANA VARELA/XUNTA / Europa Press
Visita do presidente da Xunta, xunto aos conselleiros de Medio Rural e de Economía, a Coren. ANA VARELA/XUNTA / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta