Día Europeo das Linguas: a infancia, o mellor momento para coñecer idiomas

O proceso de aprendizaxe en idades temperás é totalmente natural, case pasivo e inconsciente. Este luns, 26 de setembro, celébrase o Día Europeo das Linguas.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/09/2022 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

Alimentar o cerebro humano con idiomas, e facelo desde idades temperás, é unha forma de desenvolvelo e de reforzar o seu potencial. Ademais, os idiomas proporcionan o don da universalidade, a posibilidade de abrir a mente a outras culturas, de vivir outras vidas, de acceder a novas oportunidades profesionais.

Nenos paseando | Foto JatoCreate
Nenos paseando | Foto JatoCreate

Hoxe, a maioría das crianzas están a aprender polo menos unha lingua diferente á súa materna case desde que nacen. "Canto antes introduzamos un bebé nunha segunda lingua, moito mellor, mesmo antes de cumprir o seu primeiro ano, pois eles teñen unha gran capacidade para distinguir os diferentes sons das vocais e consonantes que hai nun determinado idioma. Hai que expoñelos e mergullalos ao máximo, canto antes, para que poidan absorber o idioma unha vez se atopen na fase de adquisición temperá del", sostén Rhona Anne Dick, directora de Experiencia de Aprendizaxe de Lingokids.   

A gran vantaxe nestas idades, segundo a experta, é que o proceso de aprendizaxe é totalmente natural, case pasivo e inconsciente. "Un neno pode crecer aprendendo varios idiomas nos seus cinco primeiros anos de vida. En circunstancias nas que cada proxenitor ten unha lingua materna diferente e viven nun lugar cunha terceira lingua dominante, o pequeno poderá aprender as tres de forma simultánea co mesmo proceso natural. A exposición, a frecuencia e a necesidade de usalas determinará a súa evolución e como acabe falando cada unha delas", asegura Rhona Anne Dick.

APRENDER NA IDADE ADULTA

Mais, é a idade un impedimento para aprender unha nova lingua? "Se xa aprendiches un idioma es capaz de establecer máis conexións entre as linguas, as regras gramaticais e os sons. Xa coñeces o proceso e as dificultades, e velo máis como un reto no que te centras no tipo de aprendizaxe que se axusta mellor ás túas necesidades, o que che permite conseguir pequenas vitorias en menos tempo e o que te motiva para seguir avanzando", apunta Sylvia Johnson, responsable de Metodoloxía da plataforma Preply.

Esta experta destaca que os adultos teñen a capacidade de xestionar mellor o tempo e de concentrar mellor os obxectivos. "Aínda que poida que a memoria non sexa tan aguda, somos máis conscientes da necesidade de practicar e adestrar o noso cerebro para conectar e producir a lingua cando sexa necesario. Si é certo que a idade é un hándicap para a pronuncia. O cerebro dun bebé está preparado para adquirir calquera tipo de son, pero conforme se fai maior limítase aos da súa lingua materna, e esa é a razón pola cal os sons doutras linguas nos resultan máis difíciles de interiorizar sendo adultos, asegura Sylvia Johnson.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta