Unai Sordo ve "obsceno" que autonomías do PP "compitan por rebaixarlles impostos aos millonarios"

"Lanza unha mensaxe de 'estado bananero'", critica.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/09/2022 | Actualizada ás 13:27

Comparte esta noticia

O secretario xeral de CC.OO., Unai Sordo, cualificou de "obsceno" a decisión de suprimir ou rebaixar o imposto de patrimonio anunciada nos últimos días por comunidades como Andalucía ou Galicia, que avanzou este mesmo venres que bonificará o 50% deste tributo.

En declaracións aos medios antes de reunirse en Santiago de Compostela con delegadas do sector de axuda a domicilio, Sordo cualificou de "obscenidade" que as comunidades "se poñan a competir a ver quen lle perdoa máis impostos aos altos patrimonios" cando, continuou, "a este país salvárono os recursos públicos".

Así mesmo, afirmou que en España as rendas de capital e as rendas altas "pagan menos impostos dos que se pagan en Europa". "En España hai un diferencial fiscal coa Unión Europea de sete puntos de PIB. Son 70.000 millóns de euros que se deixan de recadar ao ano. Simplemente porque a política fiscal non os recada; porque non se queren recadar. Nesa dinámica non pode ser que se rebaixen impostos, particularmente ás rendas altas", sinalou.

Neste sentido, indicou que en Europa se habilitaron 750.000 millóns de euros para os fondos de recuperación, sufragados con débeda común europea. Un diñeiro, engadiu, que van pagar "a escote españois, portugueses, franceses, italianos ou alemáns".

Por iso, lamentou que "cando Europa dá un paso nese terreo e cando España é o segundo país receptor destes fondos", "que terán na cabeza agora os comisarios holandeses ou alemáns aos que tanto custou arrincarlles este fondo" cando lles chegue "a ocorrencia" de que as comunidades autónomas en España "están a competir por rebaixarlles impostos aos millonarios".

Ante isto, asegurou que se traslada "unha imaxe penosa" e reflexionou que España "non pode entrar nesa competencia". "España ten que ter unha presión fiscal equiparable á doutros países europeos para ter uns servizos públicos de calidade e para que o Estado xogue na economía o papel que ten que xogar. Paréceme bastante obsceno o que está a ocorrer", reiterou o secretario xeral de CC.OO.

O secretario xeral de CC.OO., Unai Sordo, xunto á secretaria xeral de CC.OO Galicia, Amelia Pérez, e a secretaria xeral de CC.OO. do Hábitat de Galicia, Alejandra Jesto.. CC.OO.
O secretario xeral de CC.OO., Unai Sordo, xunto á secretaria xeral de CC.OO Galicia, Amelia Pérez, e a secretaria xeral de CC.OO. do Hábitat de Galicia, Alejandra Jesto.. CC.OO. | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta