Adega alerta da "mortaldade severa" de aves por gripe aviaria na costa e urxe á Xunta que actúe

A organización ecoloxista pide á administración que se aplique un plan e un protocolo específico de "resposta urxente e segura" ante un outono que prevé "negro" para as aves mariñas.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/09/2022 | Actualizada ás 20:11

Comparte esta noticia

ADEGA alerta da presenza de aves migradoras presuntamente afectadas por gripe aviaria nas costas galegas, procedentes probablemente do Norte de Europa. "Estanse a atopar, sobre todo, exemplares adultos e inmaturos de mascatos mortos ou con síntomas de estar infectados", explican nun comunicado. Algunhas das observacións producíronse na punta de Estaca de Bares e o litoral das Rías Baixas, desde Ribeira ata a Guarda. Hai unha semana, engaden, tamén foi atopado morto un carrán común na lagoa norte de Baldaio con síntomas desta doenza.

Ave mariña
Ave mariña | Fonte: ADEGA

Dende a organización advirten que estes achados poden ser tan só a "punta do iceberg dunha mortaldade severa" destas aves fronte ás costas galegas. "Grupos de observadores alertan dun decrecemento acusado do número de mascatos e doutras aves mariñas, como as palleiras grandes". Os datos manexados pola organización sinalan que o número destas aves observadas en agosto e setembro fonte ás costas de Ribeira é "de 5 e 10 veces menor" que en anos precedentes.

Estes datos, xunto cos casos de gripe aviaria xa detectados pola Xunta a mediados de setembro nas praias de Raeiro (O Grove), Razo (Carballo) e no porto de Cabanas (Muros), e a alerta de Gran Bretaña sobre a propagación desta doenza desde o inverno pasado en varias  das súas colonias de aves mariñas, "póñennos diante dun gromo de gripe aviaria que podería non ter precedentes e acabar matando milleiros de aves silvestres en Galiza e en toda Europa, e afectar tamén as aves domésticas", alerta ADEGA, que augura un "outono negro" para as aves mariñas por esta influencia aviaria sumada ás mortaldades por botulismo de tipo C xa denunciadas por ADEGA.

GRIPE AVIARIA

A gripe aviaria hoxe en día é unha das principais causas de mortaldade masiva de aves, tanto domésticas como silvestres. Trátase dunha enfermidade infecciosa, orixinada polo virus da gripe tipo A, que se propaga principalmente de ave en ave polo contacto coa saliva e/ou excrementos infectados. O tipo H5N1 da gripe aviaria identificouse hai menos dunha década en granxas avícolas de China, e chegaron ao Reino Unido arredor de 2005. Cos anos foron aparecendo variantes en aves silvestres, pero a última, identificada en 2021, está a ter unha especial propagación e incidencia en Europa.

Ata o momento, a transmisibilidade do virus ás persoas é moi baixa, e os casos atopados foron excepcionais, en persoas que tiveron un estreito contacto ou convivencia con aves infectadas. Porén, o contaxio entre aves silvestres e domésticas adoita ser elevado, tanto por contacto directo como indirecto. Un dos síntomas que evidencian a presenza de gripe aviaria atópase nos ollos das aves, que viran totalmente a negro debido ao edema de córnea que produce a infección, como fase previa á queratite e cegueira nas aves.

 

DEMANDAS Á XUNTA DE GALICIA

Desde ADEGA urxen á Xunta que informe periódica e publicamente do alcance do risco de gripe aviaria nas costas galegas e que realice unha "campaña activa de información á poboación galega sobre o que facer e non facer no caso de atopar unha ave acuática presuntamente afectada pola gripe aviaria". Tamén demandan establecer un número de teléfono "directo e operativo de luns a domingo" para dar aviso dos achados de aves infectadas ou mortas, e para asesorar o público xeral diante destes casos.

Igualmente, ADEGA pide que se aplique un plan e un protocolo específico de "resposta urxente e segura", que inclúa a vixilancia coordinada de aves silvestres e domésticas, a retirada segura das aves mortas ou infectadas, a realización dun inventariado e instrucións claras de manexo na recollida e de atención nos centros de recuperación. Urxen, así mesmo, actualizar a listaxe de zonas de prevención da gripe aviaria e elaborar un plan de protección das granxas de aves domésticas máis vulnerables á gripe aviaria.

"Cómpre dotar os Centros de Recuperación da Fauna Silvestre dos recursos materiais e humanos necesarios, con actividade reforzada nas fins de semana; e dar maior financiamento e reforzo de persoal á Gardaría de Medio Ambiente da Xunta para lograr unha cobertura satisfactoria do litoral", engade ADEGA.

COMO PROCEDER SE ATOPAMOS UNHA AVE MORTA OU ENFERMA?

"Nunca debemos tocar unha ave morta ou con síntomas de estar enferma", explica ADEGA. Nese caso, hai que chamar de inmediato ao teléfono gratuíto de emerxencias, o 112, ou ao Centro de recuperación de fauna silvestre máis próximo. É importante, ademais, evitar pasear o can por unha zona na que se teñan confirmado ou haxa sospeitas de casos de gripe aviaria. "Se non podes evitalo, lévao atado con correa. Isto reducirá o risco de contacto coa enfermidade", di a organización.

Para evitar a propagación da doenza en aves domésticas, ADEGA indica a necesidade de reforzar a hixiene. "Limpar semanalmente os comedeiros de aves e cambiarlles a auga con alta frecuencia". "Se queres axudar ás nosas aves mariñas a ser máis fortes contra as enfermidades, como a gripe aviaria, podes contribuír a protexer as costas e mares converténdote en activista de defensa ambiental", conclúe a organización.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta