O Federalismo que preserva o Mercado

Moitos Estados, tanto no pasado como na actualidade, teñen apostado pola descentralización do poder adoptando diversos sistemas federais. O bo suceso do federalismo é palpábel. Se un considera os tres últimos séculos o país mais rico do mundo foi sempre federal: Holanda, Reino Unido (de facto, non de iure) e Estados Unidos.

Por Fernando del Río | Compostela | 08/10/2014

Comparte esta noticia
Hoxe en día o bo suceso económico da China basease en grande medida na súa estrutura federal. A India é tamén un Estado federal que desde mediados dos noventa está a medrar a moi bo ritmo. Australia, Canadá, Alemaña, Suíza,... todos son Estados federais. Porén, México, Arxentina ou Brasil tamén contan cunha estrutura federal e o seu desempeño dista moito dos citados anteriormente. Por tanto, o federalismo parece ser “cousa boa”, mais tamén parece que require coñecer a mestura axeitada de especias que permite darlle o bo sabor.
 
As institucións –as regras do xogo nunha sociedade e o xeito de se facer cumprir- son un principal determinante dos incentivos que confrontan os individuos. Como unha consecuencia, o xeito no que nun país se produce a descentralización do poder político e a organización do seu sistema federal é de crucial importancia na determinación dos incentivos que confrontan os responsábeis políticos para mellorar o benestar social. E por tanto, ha marcar o destino do Estado federal.
 
 A descentralización do poder político promove a eficiencia tanto porque permite adaptar as política públicas a distintas necesidades e posibilidade de diversos grupos de individuos como porque fomenta a concorrencia entre os diferentes gobernos locais –uso local como antónimo de central, non para referirme exclusivamente á administración municipal- premiando a virtude e castigando o infrutuoso. A concorrencia entre xurisdicións por un lado incentiva os gobernos locais a dedicarse ao fomento da prosperidade económica local mais que a intervir os mercados, a servir os grupos de interese ou a corrupción e polo outro limita a súa capacidade para abusar da súa autoridade política expropiando investimentos ou garantindo posicións de privilexio. A este respecto un podería botarlle unha ollada ao libro de 1980 escrito por Geoffrey Brennan e James M. Buchanan “The Power to Tax” ou ao de Wallace Oates “Fiscal Federalism” publicado no 1972. 
 
Porén, que as forzas bondadosas da concorrencia se concreten nun sistema federal depende das condicións nas que se leva a cabo a descentralización. O economista e politólogo Barry R. Weingast da Universidade de Stanford publicou no ano 1995 un artigo no Journal of Law, Economics, and Organization titulado “The economic role of political institutions: Market-preserving federalism and economic development” no que describía as condición que un sistema federal debía cumprir para garantir o seu bo suceso na promoción do benestar social. Ao federalismo que razoabelmente cumpre estas condicións deulle en chamar “Market-preserving federalism”.
 
Un sistema federal debe ser tal que os gobernos locais teñan a primacía tanto na regulación da economía local e a súa taxación como na autoridade para decidir a provisión de bens e servizos públicos. Só así terán a posibilidade de adaptar as políticas ás súas circunstancias e ter a capacidade, por tanto, de concorrer entre si. Porén, moitos sistemas federais limitan severamente esta autoridade política. Rusia, México ou a India ata mediados dos noventa son algúns exemplos.
 
A concorrencia efectiva entre xurisdicións require a ausencia de calquera tipo de trabas á mobilidade de factores e produtos entre xurisdicións. O goberno central debe pola unidade do mercado común. De romperse a unidade de mercado os factores e produtos non poderán moverse libremente entre xurisdicións premiado aquelas con mellor desempeño e castigando ás de peor desempeño. A garantía dun mercado común foi e é unha característica focal do sistema federal norteamericano. De novo Rusia é un exemplo de como de diversos xeitos se dificulta o movemento de factores e produtos entre rexións. A existencia de trabas á mobilidade –sobre todo do factor traballo- é unha eiva característica do federalismo en moito países en desenvolvemento. O economista Pranab Bardhan  pono de manifesto nun artigo do 2002 publicado no Journal of Economic Perspectives titulado “Decentralization of governance and development”. 
 
Os gobernos locais deben soportar todas as consecuencias financeiras das súas políticas. Isto significa que deben seren responsábeis dos seus propios ingresos –o que significa minimizar o financiamento a conta das transferencias do goberno central!- e teren unha moi limitada ou nula capacidade de endebedamento ao tempo que o goberno central debe ter prohibido rescatar os gobernos locais en dificultades financeiras. Depender de recursos alleos incentiva o dispendio dos recursos públicos e a desidia no fomento da prosperidade local ao non depender os ingresos gobernamentais da imposición sobre a economía local. Exemplos de sistemas federais nos que a responsabilidade fiscal dos gobernos locais era moi limitada son Brasil e Arxentina. Nos oitenta sufriron dramáticas hiperinflacións enraizadas no gasto sen limite dos gobernos estatais e provinciais, rescatados finalmente polo goberno central.
 
A descentralización do poder político non debe estar baixo o control unilateral e discrecional do goberno central. A atribución da autoridade política debe estar institucionalizada. Se o goberno central posúe este control entón pode limitar e alterar a concorrencia entre as xurisdicións impóndolle as condicións que desexe. Un sistema federal que peca especialmente deste defecto é o mexicano. 
 
  A chamada reforma territorial do Estado español é algo que está a caer. Tema especialmente sensíbel será o financiamento autonómico. As tensións en Cataluña xa se están a manifestar de xeito agudo. Creo que o goberno que emprenda a reforma debería ter ben presentes estes principios xerais. Abondan países federais que teñen feito os deberes. A ver se por unha vez non perdemos a oportunidade de facer as cousas medianamente ben, embora teña serias dúbidas canto a iso. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Fernando del Río (Ordes, 1968) Licenciado en Economía e Máster en Comercio Exterior pola Universidade de Santiago de Compostela. Doutor en Economía pola Universidade Carlos III de Madrid. Actualmente é Profesor Titular de Universidade na Universidade de Santiago de Compostela. Previamente foi axudante na Universidade Carlos III de Madrid, profesor visitante na Universidade de Vigo e investigador do CEPREMAP (París). As súas áreas de investigación de interese son a Macroeconomía Dinámica e o Crecemento Económico. Ten artigos de investigación publicados en prestixiosas revistas académicas internacionais tais como o Journal of Economic Theory, Journal of Development Economics ou Oxford Economic Papers. Membro da Executiva Nacional de Converxencia 21 e Presidente da Asociación Galega para a Liberdade e a Democracia (GALIDEM).