Comeza o 13º Salón do Automóbil en Expourense

Celébrase entre o 20 e o 23 de outubro e consistirá nun único salón con coches novos e de ocasión no que participan 14 empresas que representan a 19 marcas.

Por Galicia Confidencial | Ourense | 21/10/2022 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

14 concesionarios da provincia de Ourense pertencentes á Asociación de Concesionarios de Automóbiles de Ourense, A.C.A.U.T.O., participarán como expositores no 13º Salón do Automóbil que se celebra en Expourense entre este xoves 20 e o domingo 23 de outubro.

Exposición vehículos
Exposición vehículos | Fonte: Salón do Automóbil. Foto: Prensa Expourense

Polas circunstancias vividas estes días coa folga do metal, e desconvocada esta finalmente, a decisión final da organización foi concentrar nun único salón onde se poderán atopar coches novos e tamén de ocasión. Trátase dunha cita vencellada cun dos sectores comerciais de maior peso na provincia de Ourense, o da automoción, e que está organizado de forma conxunta entre Expourense e A.C.A.U.T.O. coa colaboración da Deputación Provincial de Ourense.

MARCAS PRESENTES E 6.000 € EN XOGO PARA OS COMPRADORES

Todas as marcas presentes aproveitarán a súa presenza nesta cita para presentar os últimos lanzamentos e os vehículos que se van comercializar de cara a campaña do 2023. En total, participarán 14 empresas representando 19 marcas que presentarán modelos novos e onde tamén haberá espacio para os vehículos de ocasión. As marcas representadas son: Audi, BMW, Citroen, Cupra, Dacia, Ford, Hyundai, KIA, Mazda, Nissan, Opel, Peugeot, Porsche, Renault, Seat, Skoda, Toyota, Volkswagen e Volvo.

Como incentivo para animar aos visitantes a axilizar o proceso de decisión, a organización volverá sortear, entre os visitantes que pechen a compra dun automóbil novo ou de ocasión nestas citas, un cheque regalo por importe de 6.000 euros a descontar do prezo de compra do vehículo adquirido.

COLABORACIÓN CON CÁRITAS

Este ano repítese tamén a colaboración con Cáritas Ourense, entidade que recibirá ao rematar estas citas 15 euros por cada vehículo vendido que será achegada entre Expourense e ACAUTO.

HORARIOS

O horario do 13º Salón do Automóbil será o xoves 20 e o venres 21 de outubro de 11.00 a 20.30 h.; o sábado 22 de outubro de 10.00 a 20.30 h., e o domingo 23 de outubro de 11.00 a 20.00 h. O prezo da entrada son 3 euros (menores de ata 12 anos teñen entrada gratuíta). Haberá servizo de ludoteca gratuíto, agás este xoves, día da inauguración.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta