Proposta do PSOE para acabar cos asolagamentos na rúa pontevedresa de Padre Fernando Olmedo mediante lagoas

A idea é crear unha rede de lagoas artificiais na senda de Valdecorvos e ao mesmo tempo transformar dita senda en parque.

Por Galicia Confidencial | Pontevedra | 01/11/2022 | Actualizada ás 14:11

Comparte esta noticia

O edil do PSOE de Pontevedra, Iván Puentes, cifra en 700.000 euros o custe dunha actuación deseñada en colaboración coa Universidade de Vigo e que se traducirá na creación, na área verde existente ao redor da actual senda de Valdecorvos, dunhas lagoas artificiais que asumirán e reterán o incremento de auga en momentos de alto caudal.

Parque de Valdecorvos
Parque de Valdecorvos

O concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, Iván Puentes, asegura que acabar cos recorrentes asolagamentos que se producen na rúa Padre Fernando Olmedo “é posible e tanxible”. A idea forma parte da estratexia de renaturalización e loita contra o cambio climático Pontevedra Flúe, “foi estudada e deseñada en colaboración coa Universidade”.

Trátase dun proxecto pioneiro que xa foi remitido a Augas de Galicia, que está en fase de autorización e que permitirá controlar as enchentes do rego de Valdecorvos mediante a creación dunhas lagoas artificiais que asumirán e reterán o incremento de auga en momentos de alto caudal. Unha actuación que está incluída no Plan de Prevención de Inundacións de Augas de Galicia 2021-2027 e que resulta ademais moi asumible a nivel económico: o seu custe estimado sitúase nuns 700.000 euros.

En opinión de Iván Puentes, “as inundacións de Padre Fernando Olmedo son a mostra da necesidade dos proxectos que recollemos na estratexia Pontevedra Flúe e da importancia de loitar contra o cambio climático”. Tal e como explica o edil do PSOE, “a razón fundamental dos asolagamentos radica en que toda a zona do Estadio da Xuventude e desta rúa está construída sobre unha xunqueira que era a zona de inundación natural do río cando se daba a situación que se deu esta fin de semana, con fortes choivas en pouco tempo, que fan que un regato moi pequeniño baixe e medre de caudal de xeito moi repentino”.

Se isto coincide coa marea chea -apunta-, é dicir, co río Lérez alto, o Valdecorvos, que antes inundaba onde está o Estadio e que agora desemboca canalizado no Lérez, ten un tapón, que é a auga do río Lérez, e inunda a zona máis baixa que atopa, que é precisamente a rúa Padre Fernando Olmedo” di Puentes.

Para o socialista, “habería unha solución que non é realista, que consistiría en desurbanizar e levantar os edificos e o Estadio da Xuventude, e outra consiste en tentar controlar eses incrementos repentinos de caudal que ten o rego de Valdecorvos”. Segundo sinala Puentes, o proxecto contempla “actuar na parte alta, onde están a senda e o parque da urbanización de Valdecorvos, aproveitando unha vella canle do río que xa existía para regar" e desviar a auga a unhas balsas que asumirán o incremento de caudal.

Segundo Puentes, coa materialización deste proxecto poderían aparecer inundacións que se parecerían ás máis leves doutras rúas da cidade, que desbordan auga, pero que non provocan ningún tipo de afección.

TRANSFORMAR A SENDA NUN PARQUE


Iván Puentes afirma que este proxecto tamén prevé transformar a actual senda nun grande parque urbano “ao estilo doutros que temos na cidade, ofrecendo un servizo de lecer á numerosa veciñanza de Valdecorvos”. Recuperaríase e reforzaríase o bosque de galería, eliminando as especies exóticas invasoras presentes en parte do borde hídrico (fundamentalmente cana, acacia negra e falsa acacia) e mellorando a estrutura do leito fluvial mediante especies arbóreas autóctonas.

Na zona alta do treito recuperarase o trazado do cauce antigo, controlando os problemas de erosión mediante a fixación dos noiros con estacas de salgueiro e crearase bosque de ribeira onde agora mesmo non existe. Na parte media do treito recuperarase unha parcela de titularidade pública ocupada ilegalmente para restaurar o bosque de galería. Na parte baixa actuarase na zona de servidume co obxectivo de reforzar o bosque de galería.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta