As empresas de inserción axilizarán os trámites para incorporar a postos de traballo a persoas en exclusión social

Galicia conta cun total de 14 empresas de inserción acreditadas nas que traballan 244 persoas

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/11/2022 | Actualizada ás 17:33

Comparte esta noticia

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou este xoves un Decreto que regulará o procedemento para a cualificación de empresas de inserción en Galicia e o seu rexistro administrativo, co obxectivo de axilizar a incorporación nestas empresas de persoas en risco ou situación de exclusión social para garantir a súa empregabilidade.

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade explicou nun comunicado que Galicia conta cun total de 14 empresas de inserción acreditadas nas que traballan 244 persoas. Estas empresas, que poden ser sociedades mercantís ou cooperativas, realizan unha actividade económica co obxecto social de integrar e formar no campo sociolaborala persoas en situación de vulnerabilidade.

O decreto, que entra en vigor o 23 de novembro, establece mecanismos novos de rexistro das firmas desta tipoloxía e os procedementos para a súa acreditación. Así mesmo, establece vías de coordinación entre os servizos sociais públicos e o servizo de emprego de Galicia.

A partir do 23 de novembro, as persoas traballadoras que formalicen un contrato nunha empresa de inserción deberán recibir unha formación específica que lle outorgue competencias necesarias para o seu desenvolvemento profesional no futuro.

Ademais, a incorporación dunha persoa a unha empresa de inserción e a elaboración do itinerario personalizado poderá iniciarse polos servizos sociais comunitarios, polo servizo galego de emprego ou pola propia empresa de inserción.

Deste xeito, o proceso outorgará validez ás valoracións da situación de exclusión realizadas polos servizos sociais no seis meses anteriores á incorporación. Tamén considerará acreditada esta condición cando a persoa beneficiaria ou algún membro da unidade de convivencia perciban a renda de inclusión social de Galicia (Risga).

Doutra banda, a Xunta anunciou que a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade revalidará en 2023 o 'Plan Emprega Discapacidade Exclusión Social' cun investimento 44,5 millóns de euros. Así, sinalou que o obxectivo é dar acceso preferente aos programas e apoios a máis de 5.800 persoas.

Unha oficina de servizo público de emprego (España).. Jesús Hellín - Europa Press
Unha oficina de servizo público de emprego (España).. Jesús Hellín - Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta