A poboación estranxeira que reside en Galicia son maioritariamente mulleres e traballan na hostalaría

UGT sinala que a inmigración das persoas de nacionalidade estranxeira a Galicia ten "un compoñente fundamentalmente laboral"

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/11/2022 | Actualizada ás 18:22

Comparte esta noticia

A poboación galega de orixe estranxeira sitúase na 4,3 % fronte ao 17 % do Estado. A maioría son mulleres e o sector no que máis presenza ten esta parte da poboación é na hostalaría.

Galicia ten máis de 2.600.000 habitantes, dos cales, 117.824 son de nacionalidade estranxeira segundo os datos que recolleu o informe de UGT con data do 1 de xaneiro de 2022.

Este mércores o informe foi presentado no marco do taller '#TrabajoLibreDeBulos', pola secretaria de políticas sociais de UGT-Galicia, María Isabel González; a vicesecretaria xeral de UGT, Cristina Antoñanzas; e pola responsable da área de migracións UGT-Confederal, Ana Curral.

Neste senso, as responsables expuxeron os diferentes datos que corresponden á poboación estranxeira en Galicia, A Coruña e España co obxectivo de "desmontar os prexuízos e estereotipos" que se difunden e fomentan o rexeitamento da inmigración e da poboación de nacionalidade ou orixe estranxeira.

Desta forma, en Galicia residen 117.824 persoas de orixe estranxeira, ás que se suman 146.125 persoas de nacionalidade española que naceron no estranxeiro. Por tanto, case unha de cada dez persoas que viven en Galicia son resultado dun movemento migratorio cara á comunidade.

Así, o 51,9 % da poboación con nacionalidade estranxeira na comunidade son mulleres, esta porcentaxe sitúase por encima da media nacional, que está no 49,8%.

En canto aos xéneros e destino de procedencia, o informe arroxou que as mulleres son máis numerosas que os homes na migración procedente de Rumania e Sudamérica. Con todo, o xénero masculino teñen maior presenza na migración procedente de Marrocos e Portugal.

Por fogares, UGT indicou que o 6,2 % do total de fogares galegos está formado "polo menos" por unha persoa de nacionalidade estranxeira e o 3,9 % dos fogares son mixtos, é dicir, compostos por españois e estranxeiros.

IDADE MEDIA E SALDO VEXETATIVO

En referencia á idade media, a poboación de nacionalidade española de Galicia é de 48,5 anos e no caso da poboación de nacionalidade estranxeira é de 37,5. Estes datos fan referencia a que Galicia "é a terceira comunidade autónoma cunha idade media total e idade media da poboación de nacionalidade española máis alta do país".

As consecuencias da covid reflectíronse nos anos 2020-21 nun "incremento do saldo vexetativo negativo" e un descenso do saldo migratorio positivo. Isto debeuse a un "efecto combinado" do incremento de defuncións, progresiva caída dos nacementos e unha menor entrada de inmigrantes procedentes do estranxeiro.

Con todo, destacaron que "Galicia presenta un saldo negativo desde o ano 1988", pero unicamente tivo balances migratorios negativos entre os anos 2012 e 2014. Con todo, os saldos migratorios positivos "non foron suficientes para compensar a perda de poboación".

O sindicato apuntou que a migración das persoas de nacionalidade estranxeira a Galicia ten "un compoñente fundamentalmente laboral". As nacionalidades con máis persoas afiliadas son Rumania, Marrocos, Italia, Colombia, Venezuela e China. En datos, o 12,1 % das persoas afiliadas á Seguridade Social na comunidade son estranxeiras.

A HOSTALARÍA PRESENTA UN MAIOR VOLUME DE AFILIADOS

En canto ao ámbito laboral, a actividade con "maior volume absoluto" de afiliados de nacionalidade estranxeira é a hostalaría con case 4.000 persoas afiliadas, o que supón o 11,5 % da afiliación na actividade.

No Sistema Especial Agrario o 23,7 % das persoas afiliadas a este sistema son estranxeiros. Ademais, no Sistema Especial de Empregados de Fogar as persoas de nacionalidade distinta á española representaban o 17 % do total de afiliados en Galicia.

Presentación do informe elaborado por UGT da poboación de nacionalidade estranxeira en Galicia
Presentación do informe elaborado por UGT da poboación de nacionalidade estranxeira en Galicia | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta