Por E.P. | Santiago de Compostela | 22/11/2022 | Actualizada ás 19:38
Os deputados galegos do PP rexistraron unha proposición non de lei (PNL) no Congreso para reclamar ao Goberno central que adopte medidas para conxelar as peaxes das autoestradas estatais AP-9 e AP-53.
Os populares advirten de que a AP-9 é "a vía de comunicación máis importante de Galicia", pero tamén una das "máis caras" de todo o Estado, cunha media de 6,12 céntimos por quilómetro, contando bonificacións. Ademais, a AP-53, "sen ningún tipo de bonificación, o custo medio chega ata os 7,77 céntimos".
Neste contexto, os deputados do PP sinalan que ambas as vías "seguirán encarecéndose en xaneiro coa suba do IPC se o Goberno central non o remedia". No caso da AP-9, falan dun 9 por cento de incremento, ao que habería que sumarlle un 1 por cento pola compensación a Audasa polas obras da Ponte de Rande e da circunvalación de Santiago que "foi autorizada por un Goberno socialista".
Así, tendo en conta a crise de prezos, os populares critican que o Executivo estatal "non previse ningunha medida" nos Orzamentos Xerais para 2023 co obxectivo de "paliar os efectos deste impacto no peto das familias e na competitividade das empresas".
Fronte a iso, pon como exemplo a "previsión" da Xunta, que decidiu conxelar as peaxes das estradas de titularidade autonómica para 2023. Por iso, consideran que é "cuestión de vontade política" e aseguran que o Goberno aínda "está a tempo".
Á parte da PNL do Congreso, o PP tamén rexistrou o luns iniciativas similares no Parlamento galego, nos concellos e nas deputacións.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.