O 77% dos profesores galegos ven útil un plan de igualdade docente, segundo unha enquisa de CIG-Ensino

O 90% considera que a existencia dun protocolo contra o acoso podería ser unha boa ferramenta para combater posibles casos que ocorran no traballo.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/11/2022 | Actualizada ás 20:05

Comparte esta noticia

O 77% dos profesores galegos ve útil a aprobación dun plan de igualdade docente por parte da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades. Ademais, o 90% considera que a existencia dun protocolo contra o acoso podería ser unha boa ferramenta para combater posibles casos que ocorran no traballo.

Estes son algúns dos datos que arroxa unha enquisa sobre igualdade realizada polo sindicato CIG-Ensino entre o 19 de outubro e o 18 de novembro de 2022, na que participaron case 1.000 profesores. O 71% eran mulleres.

Esta iniciativa parte despois de que a organización manifestase "en diversas ocasións" á Administración galega a súa "preocupación pola falta de cumprimento" da normativa sobre igualdade laboral.

Neste sentido, a central nacionalista sinala que a Xunta está "obrigada desde hai anos" a elaborar un plan de igualdade entre mulleres e homes que estea negociado cos representantes dos traballadores.

De feito, o 77% dos enquisados pola CIG veríao útil e considera que as cuestións máis importantes a recoller nel debería ser o exercicio corresponsable dos dereitos da vida persoal, laboral e familiar, e a prevención do acoso.

O estudo tamén reflicte que só o 54% dos docentes galegos coñece que existe no seu centro un plan de igualdade entre o alumnado --que é obrigatorio--, mentres que o 29% descoñéceo e o 17% asegura que non hai.

O 29% dos enquisados descoñece quen realiza a función de coordinar todas as medidas de coeducación que levan a cabo no colexio ou instituto, aínda que o 12% di que non existe. Iso si, o 93% dos enquisados ve necesario que a función de coordinación de igualdade estea recoñecida con redución horaria, puntuación ou compensación económica. O 47% cre que debe ter todas estas.

Clase de secundaria
Clase de secundaria | Fonte: Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta