Fernando Castro Paredes, Ana Carreira, Eva Mejuto e José Luís Baños de Cos, premios de teatro da Xunta neste 2022

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/11/2022 | Actualizada ás 17:24

Comparte esta noticia

Fernando Castro Paredes, Ana Carreira, Eva Mejuto e José Luís Baños de Cos recolleron este mércores no Salón Teatro de Santiago de Compostela os tres premios de literatura dramática que convoca a Xunta bienalmente co obxectivo de servir de estímulo á creación literaria en galego no ámbito teatral.

Así, o XXVI Premio Álvaro Cunqueiro para textos teatrais, ao que se presentaron un total de 48 obras, recaeu en Fernando Castro Paredes polo monólogo 'O traxe'. Segundo sinalou a Xunta nun comunicado, o xurado valorou positivamente "a textualidade contemporánea excelentemente estruturada e dotada dun interesante ritmo, así como dun inquietante humor negro".

Ana Carreira foi a galardoada co XII Manuel María de literatura dramática infantil por 'Nin me amoles', que aborda a historia de Lola, unha nena a quen unha personaxe imaxinada ensínalle, entre xogos, a afrontar moitos problemas do seu día a día.

O XV Premio Barriga Verde recaeu sobre a xornalista Eva Mejuto e o dramaturgo José Luís Baños de Cos na modalidade de teatros para mozos e na de adultos, respectivamente.

'Os contos do Lobicán' é o título do texto de Mejuto, unha historia en verso, "áxil e atrevida", que busca "darlle a volta aos contos clásicos". O xurado sinalou unha concepción plástica que "reforza o universo tradicional de referencia sen deixar de pór solucións relacionadas con tendencias escénicas máis actuais".

Así, Baños de Cos foi galardoado polo seu texto 'Nas nubes', que propón unha situación futurista e distópica na que dous guías dun museo ensínanlle a un público erudito obxectos da era 'predixital', cunha ambientación musical e estética inspirada na cultura xaponesa.

A dotación do Premio Álvaro Cunqueiro é de 8.000 euros, mentres que no resto de modalidades contan con 6.000 euros en cada caso. Ademais, as bases recollen a posibilidade de que as obras sexan publicadas dentro das coleccións de literatura dramática que a Xunta mantén con Edicións Xerais e Baía Edicións.

Os gañadores do  XXVI Álvaro Cunqueiro, XII Manuel María e XV Barriga Verde este mércores en Santiago de Compostela
Os gañadores do XXVI Álvaro Cunqueiro, XII Manuel María e XV Barriga Verde este mércores en Santiago de Compostela | Fonte: Xunta de Galicia

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta