Os dezaseis meles galegos Cinco Estrelas

A Asociación Galega de Apicultura-AGA deu os seus premios anuais tras analizar 65 mostras, das que 14 eran mel multifloral e 51 monofloral

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO | 02/12/2022 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Por cuarto ano a Asociación Galega de Apicultura-AGA convocou o Concurso Meles Cinco Estrelas. O comité de cata estivo presidido por Noela Torres, técnica de AGA e restauradora, que dirixiu o panel de cata composto por: Begoña Balado Conde, concelleira de Turismo de Arzúa; José Luis González Portabález, apicultor e fabricante da cervexa con mel Esmorga (988); Peter Brea Rodríguez, socio de AGA, forestal e poeta; e Jose Luís Meixide Vilariño, biólogo e socio fundador da asociación, con longa traxectoria no mundo apícola e do mel.

Un traballador co fume amansador con Cantueso para relaxar ás abellas nunha colmear
Un traballador co fume amansador con Cantueso para relaxar ás abellas nunha colmear | Fonte: Rafael Bastante

O xurado catou 65 mostras selecionadas, das que 14 eran de mel multifloral e 51 monoflorais, repartidas entre 10 de mel de bosque, 13 de castiñeiro, 7 de eucalipto, 18 de queiroga e 3 de silva, unha variada e completa representación de meles de toda Galicia.

As gañadoras e os gañadores, todos socios de AGA, divídense nun primeiro, segundo e terceiro premio. No caso da silva, só se adxudicou o primeiro premio. As persoas premiadas foron as seguintes (algunhas delas xa con páxina web creada para a comercialización):

MULTIFLORAL:

1. Mel A Casoa - María Isabel López Pérez (Lugo):

Abellas
Abellas | Fonte: UEX

Extraída de abellas que viven en zona de alta montaña, onde non existen cultivos intensivos nin extensivos en varios kilómetros á redonda, que poidan ser tratados con pesticidas. Situadas en áreas repletas de Carqueixa, Castiñeiro e Uz, entre outras especies que lle confiren a esta mel unhas propiedades organolépticas únicas. As abellas aliméntanse exclusivamente de mel, polen e xalea real e se respetan todos os seus ciclos naturais de desenvolvemento.

2. Mel Santirso - Ricardo Bouzas Ferreiro (Zas-A Coruña):

3. Mel Aialma - José Antonio Pazos González (Laza- Ourense):

Ten un alto porcentaxe de castiñeiro, pero á súa vez ten outras variedades de plantas autóctonas como as uces e especialmente o rebolo ou cerquiño que lle confire un tono escuro e un sabor máis especiado.

EUCALIPTO:

1. José Benito Míguez Montouto (Lugo)

2. O Poder das Flores - Javier Carreiras Cuadrado (Alfoz - Lugo)

A totalidade das colmeas están emprazadas no interior do Norte de Lugo. Un entorno privilexiado que conta cun ecosistema totalmente natural e sostible, tanto para a colleita de mel como dos seus derivados. Os colmeares están repartidos entre Val do Ouro e a Reserva da Biosfera do Río Eo, Oscos e Terras de Burón. Son excelentes zonas melíferas pola diversidade de floracións e de ausencia de contaminantes que poidan afectan tanto ao mel como á boa saúda das abellas. 

3. Ana María Castro Aneiros (Ferrol- A Coruña)

BOSQUE:

1. Ecomel - Amable Pérez Diz (Muíños - Ourense)

Crían ás súas propias abellas raíñas, seleccionando a aquelas que sexan máis limpiadoras, menos agresivas e máis produtivas, por esa orde. O mel prodúcese aproveitando as excelentes condicións naturais do Parque Natural da Serra do Xurés.

2. Valdabella - Cristalina Rodríguez Rodríguez (Verín - Ourense)

É unha mel escura, densa, intensa en aroma e de matices profundos no sabor.

3. Mel Bonilla - Bonifacio Luís Diz (Verín - Ourense)

CASTIÑEIRO:

1. Casa Severa - Miguel Rodríguez Pérez (A Proba do Brollón - Lugo)

2. Carmen Álvarez Álvarez (Folgoso do Courel - Lugo)

3. A Parediña - Pedro Vázquez Álvarez (Folgoso do Courel - Lugo)

QUEIROGA:

1. Mel do Sor - Ángeles Morán García e Rubén Amigo Bellas (Narón - A Coruña)

2. O Poder das Flores - Javier Carreiras Cuadrado ( Alfoz - Lugo)

A totalidade das colmeas están emprazadas no interior do Norte de Lugo. Un entorno privilexiado que conta cun ecosistema totalmente natural e sostible, tanto para a colleita de mel como dos seus derivados. Os colmeares están repartidos entre Val do Ouro e a Reserva da Biosfera do Río Eo, Oscos e Terras de Burón. Son excelentes zonas melíferas pola diversidade de floracións e de ausencia de contaminantes que poidan afectan tanto ao mel como á boa saúda das abellas. 

3. Mel Vituco - Javier Vázquez Picos (Muras - Lugo)

Prodúcese no lugar de Rebordelos, na parroquia de O Viveiro, pertencente ao termo municipal de Muras, nunha das zonas naturais de máis valor de Galicia, parte da Rede Natura 2000 (que recoñece e protexe este ecosistema de turbeiras de coberteira único en Europa Occidental), con plantas endémicas que aportan ao seu produto un carácter único.

SILVA:

1. Lago das Encrobas - Santiago Botana Tasende (Cerceda - A Coruña)

O concurso valoriza os meles do noso país e axuda a visibilizalos e posicionalos na comercialización. Os meles premiados co primeiro premio levarán un selo identificativo e estarán dispoñibles na tenda física de AGA en Arzúa, así como na nosa nova tenda online, que se estreará en xaneiro de 2023.

O resto de gañadores recibirán un diploma acreditativo que poderán usar como promoción e publicidade. O produto terá un prezo mínimo de 12 euros o envase de 1 quilo e 7 euros o de medio quilo. Todos os meles promocionaranse nos eventos e actos realizados pola asociación.

Malia todas as circunstancias adversas da presenza da velutina e infestación de varroa e dun cambio climatico evidente (climatoloxía severa, secas, floracións atemporais...), acompañado polos desastrosos lumes do verán, que repercutiron notablemente na produción de mel en determinadas comarcas e concellos da nosa comunidade, os asentamentos apícolas dos gañadores revélannos que en Galicia se están producindo meles dunha excelente calidade, referendada esta polo bo facer dos nosos apicultores e apicultoras, que esmelgan as súas colmeas en paisaxes de flora natural libres de contaminacións agrolóxicas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta