Só 14 de 37 aeroportos no Estado son eficientes, ningún deles galego

Os de Santiago de Compostela e Vigo deberían duplicar o seu número de movementos e de pasaxeiros para ser eficientes fisicamente, e o da Coruña debería tamén incrementar notablemente as cifras, segundo expertos, que critican a "xestión centralizada" de AENA.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 04/12/2022 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Só 14 aeroportos no Estado son eficientes fisicamente, ningún deles galego. Cando menos isto é o que afirman economistas da Universidade de Murcia que analizaron a eficiencia de 37 aeroportos con base nas súas características físicas, como o número de portas de embarque ou a superficie da pista, e datos como o número de pasaxeiros, toneladas de carga ou o número de operacións. Os resultados das análises realizadas mostran que a plataforma aeroportuaria (zona onde os avións son estacionados, descargados e cargados, enchidos ou embarcados), o horario de apertura das terminais e o transporte turístico son “factores relevantes para explicar a eficiencia dos aeroportos”.

Aeroporto de Vigo
Aeroporto de Vigo | Fonte: Europa Press.

En total, analizáronse 37 aeroportos distribuídos por todo o Estado, incluídos os de Santiago de Compostela, Vigo e A Coruña. Os datos, agora publicados, refírense ao ano 2018, e foron obtidos de AENA, cubrindo “practicamente o 100% do tráfico de todo o ano analizado”.

Os aeroportos considerados turísticos "son relativamente máis eficientes”, ningún dos tres galegos entra nesta categoría

Os investigadores tiveron en conta o número de operacións ou movementos, é dicir, o número total de engalaxes e aterraxes, o número de pasaxeiros, o número de portas de embarque e o número de destinos totais cos que opera o aeroporto, observándose unha “importante disparidade entre os seus valores máximos e mínimos, o que evidencia a existencia dunha elevada dispersión na distribución do tráfico por aeroporto”, explican.

Así, en canto a destinos, hai aeroportos con tan só dous destinos e outros até con 222. Igualmente, por compañías aéreas, existen terminais con tan só unha operando e outras onde a oferta é de até 91 compañías. E en número de portas, hai desde tan só dúas a 241. Por número de operacións, observouse desde un mínimo de 1.983 até 409.832, e por pasaxeiros, desde tan só 52.071 anuais no de Badaxoz, até os 57,891,340 de Barajas.

Por número de pasaxeiros, o de Santiago de Compostela é o que maior tráfico ten historicamente, con diferenza. Os datos deste estudo sitúan o aeroporto Rosalía de Castro no posto 16, con 2.724.750 viaxeiros, un 1% do total de pasaxeiros nos 37 aeroportos analizados (263.753.406 usuarios en 2018, en conxunto). O aeroporto de Alvedro, na Coruña, ocupa o posto 21 con 1.225.763 pasaxeiros (0,5% do total) e o de Peinador, en Vigo, o 23, con 1.129.689 (0,4%).

Engadido a estes datos, explican, analizáronse “variables esóxenas para explicar a eficiencia dos aeroportos: plataforma, lonxitude da pista, número de horas de apertura do aeroporto e unha variable que indica se se considera ou non un aeroporto turístico.

Respecto á plataforma, consideraron o número de aeronaves que poden estacionar nesta zona. “Esta variable, xunto coa lonxitude da pista, reflicte o número de aeronaves que pode manexar un aeroporto, o que inflúe nas entradas en termos de pasaxeiros e taxas de aterraxe”, comentan. Para os aeroportos con máis dunha pista, utilizaron a lonxitude media das pistas como variable. No conxunto dos aeroportos, hai desde os que teñen tan só unha área de estacionamento para as aeronaves, até un máximo de 263. En canto á lonxitude media das pistas, rolda os 2.700 metros, con aeroportos con pistas de só 1.250 metros e outros onde alcanzan os 3.820.

O máis eficiente é o de Tenerife Norte e tamén o son os de Madrid, Barcelona, Palma de Mallorca, os tres do País Vasco e os de Santander, Zaragoza, Eivisa, Alacante, Xerez, El Hierro e La Gomera

En canto ao número de horas de apertura do aeroporto, explican que “é de interese para os aeroportos que as compañías aéreas distribúan os seus voos ao longo do día para minimizar as esixencias da pista e da terminal, para que o horario de apertura poida repercutir na eficiencia do aeroporto”.

No caso dos 37 aeroportos analizados, algúns funcionan as 24 horas do día sen interrupcións, mentres que outros non abren pola noite ou teñen diferentes horarios para os meses de inverno e verán, nos que o fluxo de viaxeiros é maior. O horario de apertura é de case 18 horas, de media, habiendo aeroportos onde só se opera durante dez horas ao día e outros onde o servizo é ininterrompido.

Por último, determinaron se cada aeroporto é turístico ou non a partir da clasificación dos aeroportos españois por AENA. Nesta categoría inclúense os de Alacante-Elche, Almería, Fuerteventura, Girona-Costa Brava, Gran Canaria, Ibiza, La Palma, Lanzarote, Málaga-Costa Del Sol, Mallorca, Menorca, Palma de Tenerife-Sur, Reus e Valencia, ademais dos hubs de Barcelona e Madrid.

SÓ 14 AEROPORTOS EFICIENTES

Os resultados das análises realizadas por estes economistas “demostran a existencia de rendementos de escala variables”, sendo só 14 os aeroportos que estes investigadores consideran “eficientes” polos datos analizados.

Deles, sitúan como o máis eficiente o de Tenerife Norte. Tamén destacan os tres aeroportos máis importantes do país e con maior volume de pasaxeiros (Adolfo Suárez Madrid-Barajas, Barcelona-El Prat e Palma de Mallorca). Ningún dos aeroportos galegos entra nesta categoría. Os outros aeroportos considerados eficentes son os tres do País Vasco e os de Santander, Zaragoza, Eivisa, Alacante, Xerez, El Hierro e La Gomera.

Os aeroportos de Santiago de Compostela e Vigo “deberían aumentar en máis dun 100% as súas operacións e o número de pasaxeiros” para ser eficientes

Entre os non eficientes, os datos mostran que os aeroportos de Santiago de Compostela e Vigo, ademais dos de Almería, Asturias, Girona, Menorca e Valladolid “deberían aumentar en máis dun 100% as súas operacións e o número de pasaxeiros” para ser eficientes. Así, o Rosalía de Castro podería ser eficiente a partir dos 5,5 millóns de usuarios e máis de 40.000 operacións anuais, e o de Vigo, arredor dos 2,3 millóns de pasaxeiros e uns 25.000 movementos de aeronaves.

Nos demais aeroportos ineficientes, incluído o da Coruña, a porcentaxe de mellora é inferior ao 70%.

Particularmente, poñen o foco en que “os aeroportos da Coruña, Almería, Santiago, Valladolid ou Vigo deben aumentar o número de movementos e o número de pasaxeiros para ser eficientes”.

En canto aos aeroportos máis pequenos (os galegos atópanse entre os medianos), os resultados indican que “duplicar o tráfico melloraría moito a eficiencia”, comentan os autores do estudo, que engaden: “Só os aeroportos de Badaxoz e León deberían diminuír o número de portas de embarque nun 33%”.

CRÍTICAS A AENA

Sobre os factores que poderían influír na eficiencia dos aeroportos, en xeral, consideran que “o horario de apertura e a lonxitude da pista inflúen positivamente, mentres que a plataforma ten unha influencia negativa, é dicir, canto maior sexa a superficie do aeroporto destinada ás operacións de aeronaves, menor será a eficiencia do aeroporto”.

“Un aeroporto cunha pista de maior lonxitude ou unha pista de nova construción podería mellorar o rendemento dos aeroportos. Esta situación contrasta coa dos sete aeroportos máis grandes do sueste asiático e dous do leste asiático xa que, ter unha lonxitude de pista máis longa non sempre é eficaz para mellorar o rendemento do aeroporto”, argúen os investigadores, que cren demostrado que “ter maior capacidade para acomodar máis aeronaves non mellora a eficiencia do aeroporto”.

"O sistema de xestión centralizada de AENA supón un límite para a competitividade e a eficiencia, xa que os xestores aeroportuarios non teñen flexibilidade para decidir as políticas comerciais"

Por outro lado, os resultados tamén apuntan a que “os aeroportos turísticos son relativamente máis eficientes”, din.

En definitiva, “algúns aeroportos españois son ineficientes debido ao número de pasaxeiros que pasan por eles en relación á súa infraestrutura”, explican.

Os expertos sinalan a AENA polos “límites á competitividade e eficiencia” que supoñen para os aeroportos a súa xestión centralizada: “O exceso de capacidade dos aeroportos implica custos fixos excesivos non xustificados pola actividade operativa real. Para que un aeroporto sexa eficiente, o número de pasaxeiros podería aumentarse ampliando o número de compañías aéreas que operan no aeroporto mediante infraestruturas de prezos axeitados. Non obstante, o actual sistema de xestión centralizada de AENA supón un límite para a competitividade e a eficiencia, xa que os xestores aeroportuarios non teñen flexibilidade para decidir as políticas comerciais”, critican.

Ademais, xustifican a análise da eficiencia física para medir a eficiencia dos aeroportos, “dada a dificultade para obter variables financeiras destes” trala privatización parcial de AENA, en 2015.

Para estes economistas, demóstrase a importancia de “avaliar se os recursos están sendo utilizados de forma eficiente” nos aeroportos.

A IMPORTANCIA DAS COMPAÑÍAS AÉREAS

Paralelamente a este estudo, vén de publicarse outro sobre o efecto do dominio das compañías aéreas na eficiencia técnica dos aeroportos aeroportos europeos de tamaño medio.

O estudo foi realizado por expertos da Universidade Libre de Bruxelas e a Universidade de Amberes. E mostrou que hai “unha relación positiva significativa entre o dominio dunha compañía aérea e a eficiencia técnica dun aeroporto”.

Neste caso, foron obxecto de estudo 20 aeroportos que manexan entre 10 e 25 millóns de pasaxeiros ao ano, de Suíza, Dinamarca, Irlanda, Reino Unido, Austria, Bélxica, Alemaña, Italia, Grecia e República Checa. O período dos datos analizados foi de sete anos, de 2012 a 2018. Analizáronse o número de empregados, a lonxitude das pistas, o número de portas de pasaxeiros, o número de instalacións de facturación no aeroporto, o número de pasaxeiros, o volume de carga, a cantidade de movementos de tráfico aéreo de fuselaxe estreita e de fuselaxe ancha e os ingresos non aeronáuticos.

"Os aeroportos que operan nun grupo aeroportuario son de media máis eficientes e a propiedade pública está asociada a unha menor eficiencia técnica”

Por outro lado, para determinar o efecto do dominio das compañías aéreas na eficiencia técnica dos aeroportos, mediuse o grao de concentración do mercado en cada aeroporto, onde se pode dar unha competencia perfecta ou un monopolio puro, onde unha compañía aérea controla todo o aeroporto.

Os resultados, segundo os investigadores, “indican que a estrutura do mercado das compañías aéreas nestes aeroportos está moderadamente concentrada, pero aínda moito menos concentrada en comparación co mercado das compañías aéreas dos Estados Unidos”.

Nesta liña, proseguen, “este estudo atopa unha forte relación positiva entre o dominio da compañía aérea nun aeroporto e a eficiencia técnica deste”.

Ademais, atoparon “probas de que os aeroportos que operan nun grupo aeroportuario son de media máis eficientes e de que a propiedade pública está asociada a unha menor eficiencia técnica”, afirman.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta