As axudas autonómicas ao aluguer de vivenda poderán solicitarse a partir do 2 de xaneiro

Subvencionarase o 50 % de alugueres cunha renda máxima de 600 euros nas sete grandes cidades ou de 400 no rural.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/12/2022 | Actualizada ás 16:18

Comparte esta noticia

O próximo 2 de xaneiro de 2023 abrirase o prazo para solicitar as axudas autonómicas ao aluguer de vivenda, que poderán pedirse ata o 5 de maio ou ata que se esgote a partida orzamentaria, un total de 13,75 millóns de euros.

Este mércores, o Diario Oficial de Galicia (DOG) publica a resolución desta convocatoria, pola que a Xunta concederá ata 300 euros mensuais ás persoas cuxa renda non supere tres veces o Iprem, é dicir, os 24.318,84 euros.

No caso das familias numerosas ou persoas con discapacidade, esta barreira elévase ata catro ou cinco veces o Iprem. Outra das condicións é que os solicitantes deberán acreditar uns ingresos mínimos de 0,5 veces o Iprem, segundo concreta a Administración autonómica nun comunicado.

Así pois, o importe da axuda será do 50 % da renda establecida no contrato, na que non estarán incluídos cuestións como os gastos de comunidade ou a renda de anexos como garaxes ou trasteiros.

Como máximo, a convocatoria fixa como renda máxima os 600 euros para as sete grandes cidades, mentres que os veciños dos principais concellos fóra delas terán á súa disposición 500 euros e os do rural, ata 400.

O prezo máximo do aluguer poderá aumentar nun 20 % no caso de familias numerosas con todos os seus membros empadroados na vivenda ou para as unidades de convivencia que necesiten unha vivenda adaptada para algún dos seus membros.

As axudas concederanse por un prazo de 12 meses, coa opción de ser renovadas anualmente ata un máximo de 5 anos. A concesión poderá realizarse con efectos retroactivos desde o 1 de xaneiro de 2023 ou desde a data de firma do contrato, en caso de ser posterior.

Así pois, os solicitantes deberán contar cun contrato de aluguer cunha duración mínima dun ano e a vivenda arrendada será a súa residencia habitual e permanente.

Un home camiña xunto a un cartel de vivendas en aluguer na Mariña
Un home camiña xunto a un cartel de vivendas en aluguer na Mariña | Fonte: Carlos Castro

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta