Monedero: "Podemos en Galicia vai poder desenvolver un soberanismo galego vinculado a unha forza estatal"

Un dos fundadores de Podemos di que foron os "medios de comunicación" de Galicia os que construíron un "refuxio" para Feijóo e chama a Yolanda Díaz a escoitar e integrar a unha forza que, "durante anos puxo os golpes e puxo as querellas".

Por Galicia Confidencial | Compostela | 14/12/2022 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

Podemos está para quedar e para ensanchar o seu espazo en Galicia. Esa é a opinión dun dos fundadores dsta formación, Juan Carlos Monedero, que insiste en volver ás "esencias" que no seu día deron orixe á formación morada, tamén en Galicia, onde apoia a Rexurdir Podemos, candidatura alternativa á "oficialista" de Tecer Podemos. "É o modelo que mellor representa ao Podemos que eu teño na cabeza", asegura.

Yolanda Díaz, Monedero e Antón Gómez-Reino
Yolanda Díaz, Monedero e Antón Gómez-Reino | Fonte: EFE

En declaracións a Galicia Confidencial , Mondedero suliña que, agora máis que nunca, Galicia necesita "unha forza de esquerdas galegas, referenciada cunha forza de esquerdas no Estado español". "Creo que a gran aportación de Podemos en Galicia vai poder desenvolver un soberanismo galego vinculado a unha forza estatal que entende a plurinacionalidade e a aventura conxunta que temos por diante nnha situación complicada como é o calentamento global ou a robotización dos sistemas de produción", indicou.

Unha forza que, para o politólogo, encarna Rexurdir Podemos en Galicia que pode ser o inicio da recuperación de poder da formación morada, sobre todo, no espazo local. "O partido ten moitas frontes abertas e nós queremos rexurdir desde a implantación territorial e iso pode ser a nivel municipal", di ao tempo que asegura estar aberto a integración con outras forzas do espazo de esquerdas. "Cremos que a unidade da esquerda é fundamental para derrotar ás dereitas, pero o papel de Podemos non pode ser un papel secundario cando é a forza de impugnación do réxime do 77", sinala.

YOLANDA DÍAZ

Por iso fai un chamamento á vicepresidenta e impulsora do espazo Sumar, Yolanda Díaz, para "sumalos a todos". "Ten a obriga de sumarnos a todos", apunta. Así, lembra que asumiu a Vicepresidencia do Goberno español "co mandato de representar ao conxunto do espazo". "Xa tomou xa o seu tempo. Escoitou a uns máis que a outros. Podemos fixo escoitar a súa voz e estou convencido de que tanto ela como a xente que a rodea escoitou xa esta petición humilde de Podemos de que entenda que os cambios que viviu a esquerda en España nos últimos anos foi grazas a unha forza política que  puxo os golpes, que puxo as querellas e que merece ser escoitada", advirte.

Unha opinión que tamén comparte Gonzalo Busqué, líder de Rexurdir Podemos. "Nós non queremos diluírnos. Que conte con nós se a vontade é sumar", puntualiza ao tempo que destaca que se presentou para recuperar o espírito inicial de Podemos porque o partido está "nun cruce e nese cruce hai que camiñar cara a reconstrución do espazo".

PABLO IGLESIAS "FIXO MAL EN SINALAR" A DÍAZ

Moedero foi tamén crítico coa vicepresidenta durante o mitin que deu na tarde deste mércores e recuperou unhas palabras que lle dixo no seu momento a Díaz --"Yolanda, coidado con gustarlles aos que non nos votan"-- para seguidamente recoñecer que Pablo Iglesias "fixo mal" en sinalala como a súa sucesora á fronte de Unidas Podemos. "Así non se fan as cousas", engadiu.

Con todo, salientou que Díaz é "unha muller decente" que ten o traballo por diante de "reconstruír o espazo", pero falando "con todo o mundo", sobre todo con Podemos, á vez que advertiu que os proxectos "veñen primeiro de movementos sociais e logo de formacións políticas". "Yolanda sabe que nada do que está a pasar nin a posibilidade dun Goberno alternativo pasase sen Podemos", asegurou.

FEIJÓO

En declaracións a GC, Monedero insiste no poder de Podemos para frear ao PP e ao que considera todo o vinculado co "réxime do 77".  "Estremeceme pensar que hai unha seguidora de Mussolini gobernando en Italia igual que me estremece que o PP estea gobernando con xente que bota en falla ao Caudillo ao tempo que ten secuestrado ao poder xudicial", di sobre os populares.

Un dardo que lanza directamente ao presidente popular, Alberto Núñez Feijóo. "Feijóo é unha gran fraude que enganou durante moito tempo aos galegos e estalle custando moito máis aos españois e iso foi culpa dos medios de comunicación de Galicia que, durante moito tempo, construiron un refuxio onde ese señor podía facerse unha foto cun narco e iso non lle pasara factura", advirte.

TECER GALICIA

Por outra banda, Tecer Galicia, a candidatura encabezada por Borja San Ramón para optar á dirección de galega Podemos, presentou este mércores 24 propostas políticas "para construír un horizonte de país para 2024".

Segundo sinalou a candidatura nun comunicado, a defensa dos servizos públicos e a sanidade pública é "un alicerce fundamental" nas súas propostas. Así, indicou que queren "reverter os recortes do PP, dignificar as condicións do persoal sanitario, incrementar o orzamento en Atención Primaria e garantir atención psicolóxica de calidade no sistema público".

Deste xeito, outra das medidas que recolle o documento é "a creación dunha empresa pública de coidados e unha rede pública de residencias que poña ás persoas no centro". Ademais, defende a mobilidade pública sustentable e propón un cartón galego multitransporte "para cando terminen as bonificacións do Goberno".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Dáme no nariz que Podemos está amortizado en Galicia. Aquí non temos eleccións autonómicas e polo que se pode ver nos Concellos sempre estará mellor colocada a Lista de Sumar (Esqueda Unida) Pero cada quen é moi libre de tirar o voto ao lixo ! O mundo deu a volta en Galapagar... http://gamela00.blogspot.com/2018/0...