Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/12/2022 | Actualizada ás 11:08
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou a oferta de emprego público da Administración Xeral da Xunta para 2022, que ascende a 1.124 prazas, das cales 702 son de acceso libre e os 422 restantes de promoción interna.
A pasada semana, o Goberno galego aprobou en Consello o decreto desta oferta de emprego que agora se publica no DOG. Paralelamente, prevese convocar outras 1.349 prazas para continuar coa terceira fase do proceso de funcionarización voluntaria do persoal laboral fixo, que foi pactado no acordo de concertación para a mellora das condicións de emprego público --asinado con CC.OO. e UXT en 2019--.
Das 702 prazas de acceso libre, o maior número concéntranse na escala técnica de orientación laboral (130 prazas) e na especialidade de persoal de limpeza e cociña (70 prazas).
En canto ao ámbito administrativo, hai 30 prazas para o corpo superior (A1), 30 para o corpo de xestión (A2), 50 prazas para o corpo administrativo (C1), 50 para corpo auxiliar (C2), así como outras 45 prazas para a agrupación profesional (AP) escala de subalterno.
A todas estas prazas poderá acceder calquera persoa que cumpra os requisitos esixidos nas correspondentes convocatorias. As probas desenvolveranse a través do sistema de concurso-oposición, de forma que se garantirá a aplicación dos principios de igualdade, mérito, capacidade e publicidade, do mesmo xeito que se respectará a libre concorrencia.
Nun comunicado, a Xunta subliña que esgota un ano máis a taxa de reposición imposta polo Goberno central ás administracións para cubrir xubilacións e baixas, entre outras. As prazas de acceso libre súmanse outras 422 prazas para a promoción interna de persoal funcionario, uns procesos reservados a empregados públicos que xa son funcionarios e que poden conseguir un ascenso ou promoción profesional a postos de traballo de maior responsabilidade e retribución.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.