'Orixe Rías Baixas', a campaña sobre a cultura e as experiencias que a provincia de Pontevedra levará a Fitur

O obxectivo de Deputación é "volver sorprender", mostrando o "orgullo" de pertencer a "unha terra na que vivir experiencias, culturas e tradicións únicas".

Por Europa Press / Redacción | PONTEVEDRA | 10/01/2023 | Actualizada ás 15:45

Comparte esta noticia

'Orixe Rías Baixas. Un ano e mil ocasións para celebrar a provincia de Pontevedra' é a lema da campaña de promoción turística que a Deputación de Pontevedra levará á Feira Internacional de Turismo de Madrid, Fitur, para "volver sorprender", mostrando o "orgullo" de pertencer a "unha terra na que vivir experiencias, culturas e tradicións únicas".

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva avanzou este martes algúns detalles da programación que a institución provincial levará Fitur, que terá lugar entre o 18 e o 22 de xaneiro no recinto madrileño de IFEMA.

Na presentación de 'Orixe Rías Baixas', que terá lugar o día 19 na caseta de Turespaña, a administración provincial contará coa artista multidisciplinar Julia de Castro para conducir o evento, "que contará cun final sorprendente" e que se complementará coa entrega dun agasallo "boutique": un caderno de viaxe con propostas de calendario e imaxes dos eventos máis importantes que se desenvolven na provincia de Pontevedra.

Ademais, a Deputación de Pontevedra contará por vez primeira cunha caseta promocional en Fitur Screen coa presentación do destino Rías Baixas como estudio de cinema. Será o mércores 18 de xaneiro.

Ao día seguinte, divulgarase tamén o proxecto de turismo deportivo no I Fitur Sport Tourism Summit. Nesta presentación exhibirase un vídeo que ten como protagonistas a diferentes deportistas e presenta espazos únicos onde se poden practicar numerosas disciplinas, así como as experiencias que aquí se poden vivir e a gastronomía da que gozar.

Tamén o xoves 19 de xaneiro, a partir das 20.00 horas, a delegación da Deputación asistirá á Gala Q de Calidade, no Palacio de Cibeles, na que, ademais de revalidar os distintivos alcanzados en anos anteriores, o Museo de Pontevedra recollerá o primeiro galardón Q que se concede a un museo en Galicia.

Por último, a presidenta anunciou que a Deputación porá en marcha xa desde o vindeiro luns unha potente campaña de comunicación do destino en Fitur a nivel local, galego e estatal, con cuñas nas principais emisoras de radio. O martes publicarase o primeiro anuncio en xornais, onde se detallará toda a programación da Deputación en Fitur e incluirá un código QR para seguir o xoves a presentación da campaña.

Sobre as perspectivas para este ano, Carmela Silva compartiu o seu convencemento de que "se o ano 22 foi estratosférico no sector turístico da provincia, o 23 será planetario".

Praia da Lanzada
Praia da Lanzada | Fonte: Turismo Rías Baixas

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta