Allariz, entre as 100 localidades máis belas para visitar no 2023 segundo a revista National Geographic

Tras un Nadal no que a ocupación hoteleira estivo entre o 80 e o 100%, o concello fai balance das visitas recibidas o pasado ano. Pontevedreses e madrileños, os que máis visitaron Allariz no 2022. Ademais, a vila do Arnoia está entre as 100 localidades máis belas do Estado para visitar no 2023 segundo a publicación National Geographic.

Por Galicia Confidencial | Allariz | 12/01/2023 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

Segundo os datos recollidos polo Concello de Allariz durante o 2022, un total de 33.828 visitantes foron atendidos na oficina de información turística, sendo un 90,69% de orixe estatal e o restante 9,31 % internacional.

Casco histórico de Allariz. Foto: XMF
Casco histórico de Allariz. Foto: XMF

A procedencia das persoas atendidas na instalación turística municipal é principalmente galega, destacando a provincia de Pontevedra, seguida pola Comunidade de Madrid, Castela Leon, Andalucia e Pais Vasco.

Un 90,69% das visitas son de orixe estatal e o restante 9,31 % internacional

“Seguindo as estatísticas de que só un 15-20% dos visitantes entran nas oficinas de turismo, o resultado de visitas a Allariz durante o 2022  loxicamente  sería moito maior", subliñan dende o equipo de goberno.

QUE INTERESOU MÁIS AOS VISITANTES?

O interese principal dos turistas foi a información local, sobre museos, e recursos da zona, resaltando este ano o interese por Santa Mariña de Augas Santas e pola gastronomía e produtos locais. O turismo comercial e de consumo, así como a axenda de eventos municipais, completan os atractivos alaricanos e permiten alcanzar estas cifras de visitantes ademais de manter o interese pola vila.

Praza Maior de Allariz no 'Allariz de Medo 2022'. Foto: Prensa Concello de Allariz.
Praza Maior de Allariz no 'Allariz de Medo 2022'. Foto: Prensa Concello de Allariz.

Os eventos consolidados en Allariz, como pode ser a Semana Santa ao Vivo, a Festa do Boi, o Arte de Man, as Xornadas de Carne de Boi, ou a tempada de verán, hai que lle sumar eventos como o Allariz de Medo ou o Nadal no que o municipio alaricano convertese en lugar de visita obrigatoria.

Allariz, ademais de polo turismo patrimonial e gastronómico, destaca por ter unha consolidada axenda de eventos durante o ano

VALORACIÓN DOS DATOS

Dende o Concello dan por bos estes datos de visitas e fan fincapé na necesidade de desestacionalizar todo o que se poda intentando buscar e fixar eventos en datas do ano mais baixas para xerar actividade económica en Allariz.

Trátase, din dende o concello, de "mellorar a experiencia do visitante intentando sumar forzas  co comercio, a hostalería e as empresas turísticas, sendo vital para conseguir que a visita a Allariz sexa o máis agradable e sostible posible".

Con todo isto o “boca a boca” segue sendo a mellor publicidade para Allariz que este ano volve a atoparse na lista das 100 localidades máis belas do Estado para visitar no 2023 pola prestixiosa publicación National Geographic no seu apartado de viaxes.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta