Que lle pasa a Santiago Rey, o dono de La Voz?

O editor, de 84 anos, ten problemas de saúde que poderían precipitar cambios dentro deste grupo de comunicación. Un artigo publicado este venres destaca os éxitos do grupo Voz que "pilota desde hace décadas el presidente y editor Santiago Rey".

Por Xurxo Salgado | A Coruña | 13/01/2023 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Que pasa con Santiago Rey Fernández-Latorre?. Nado na Coruña en 1938, este empresario, propietario do xornal La Voz de Galicia, arrastra problemas de saúde e mobilidade que están a condicionar, e moito, a súa actividade pública. Unha situación que podería desencadear cambios importantes neste gran grupo de comunicación.

Santiago Rey nos premios Fernández Latorre do Grupo Voz
Santiago Rey nos premios Fernández Latorre do Grupo Voz | Fonte: La Voz

 

Segundo fontes consultadas por GC, o presidente do Grupo Voz non acudiu á última entrega de insignias de ouro no Museo da Voz aos traballadores con máis de 25 anos na empresa, un feito que acendeu todas as alarmas. Non é a primera ocasión na que o propietario do medio falta a citas importantes, especialmente, nos últimos tempos.

 

Rey é o gran artífice do cambio que experimentou este xornal nos anos 80 e que o fixo converterse no principal grupo de comunicación de Galicia tras unha meteórica carreira nun medio fundado polo seu avó do que pasou de xerente, a conselleiro delegado, vicepresidente e posteriormente, en 1988, presidente, logo do falecemento do seu irmán Emilio Rey Fernández-Latorre.

 

En 1993 deixou a primeira fila de xestión do grupo empresarial en mans do seu fillo Emilio Rey Berguer, pero en 2001 destituíuno e recuperou o control da liña empresarial e da toma de decisións sobre todo o grupo que aínda executa con 84 anos. Por iso, a súa sucesión á fronte deste conglomerado empresarial segue sendo unha incógnita tras o acontecido co seu fillo, co que non mantén boa relación.

 

Nos últimos anos, Santiago Rey é un dos  empresarios que máis influíu na política coruñesa e mesmo galega. Inaugurou unha fundación que leva o seu nome (2001), un museo do xornal que tamén leva o seu nome (1998), e uns premios que levan o seu nome. Tamén ten unha rúa que leva o seu nome na Coruña.

 

PERIODO DE CAMBIOS

 

Con todo, o seu estado de saúde fai temer aos traballadores que o grupo Voz poida entrar nun periodo de cambios importantes nos que xa están tomando posición os dous sectores que existen; un afín ao director xeral, Lois Blanco, e outro doutra parte do Consello de Administración, e no que tamén está Luis Vilela, que está próximo a xubilación, polo que o seu posto sería un dos que podería estar en disputa.  

 

Non son novas as diferencias que existen entre estes dous grupos e que xa se puxeron de manifesto durante o proceso do concurso de acreedores de El Correo Gallego. O grupo comandado por Blanco estaría a favor de puxar por esta cabeceira, mentres que o outro, que acabou impoñendose, decidiu non facelo aducindo os elevados gastos da operación. Con todo, finalmente, a cabeceira acabou en mans de Prensa Ibérica, o gran grupo rival de La Voz en Galicia, que ten agora tres grandes cabeceiras en cidades estratéxicas --Faro de Vigo, en Vigo; La Opinión de A Coruña, na Coruña e El Correo Gallego, en Santiago de Compostela--.

 

ARTIGO SOBRE SANTIAGO REY

 

Curiosamente, este mesmo venres, 13 de xaneiro, aparecía publicado un artigo, asinado por César Casal, e titulado "La Voz, 141 años de excelencia", que é case un panexírico adicado ao propietario do medio. Tras salientar os grandes éxitos do xornal, o columnista apunta que "este relato de éxito lo pilota desde hace décadas el presidente y editor Santiago Rey Fernández-Latorre, con su esfuerzo y sacrificio personal. De su mano, La Voz no se repliega como hacen otros medios. Cuenta con una de las plantillas más jóvenes y más dotadas de España y piensa seguir liderando el sector en este 141 aniversario que ahora comienza, con sus ediciones y su apuesta por el periodismo local".

 

Tamén destaca a entrega por parte do rei Felipe VI da Gran Cruz de la Orden de Isabel la Católica nun acto na Coruña "para subrayar así una trayectoria inédita en la prensa española". "El Rey destacó con su aprecio y sus palabras el papel de Santiago Rey Fernández-Latorre, que, donde los medios se han replegado, él continúa adelante con su apuesta por el territorio... Felipe VI hizo un reconocimiento personal a una trayectoria única en la historia del periodismo durante décadas".

E finalmente, Casal apunta xa a "novos proxectos" que poden vir derivados deses cambios. "La plantilla de La Voz se enfrenta ahora a los 141 años de su historia con nuevos proyectos irrenunciables para seguir liderando como institución la información. Nunca se destaca lo suficiente la relevancia que tiene que La Voz desde Galicia juegue un papel clave en la información a nivel estatal".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Félix Soria

Sobre el editor y el declive de LVG → http://ex-voz.blogspot.com/

1 Gamela

O mundo dá moitas voltas, e se LVG foi dos primeiros en aproveitar a pandemia para alzar muros de pago, tamén está a ser o primeiro en levantalos e permitir a lectura en aberto da meirande parte da edición... Tamén é certo que se está focalizando na información local, en Vigo se non fora pola Voz ninguén tería idea do que sucede no Concello (pois o FdV é pura propaganda de Abel Caballero & Cía.) ... Afortunadamente a todos nos chega a hora de abandonar este mundo... 84 anos son suficientes para deixar que corra o aire... ¿Que sabemos de Fernanda Tabarés?