Reaccións manifestación - Rueda acusa aos partidos de "tentar crispar" e de "falar sempre mal da sanidade"

Rueda mostra o seu "respecto" á manifestación pero di que o que buscan os partidos é "tentar crispar"

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/02/2023 | Actualizada ás 14:06

Comparte esta noticia

Miles de persoas maniféstanse a esta hora polo centro de Santiago de Compostela convocados pola plataforma SOS Sanidade Pública como resposta á "grave situación" pola que atravesa a Atención Primaria e "o conxunto" do Servizo Galego de Saúde (Sergas).

O portavoz da plataforma convocante, Manuel Martín, advertiu ao PP de que "a cidadanía esperta" e volveu a demandar melloras en toda a sanidade pública galega, especialmente en Atención Primaria, Pediatría e matronas ante os "recortes" da Xunta.

Entre os asistentes, decenas de cargos institucionais de toda Galicia, así como a líder da oposición, Ana Pontón, o secretario xeral dos socialistas galegos, Valentín González Formoso, e o coordinador de Podemos Galicia, Borja San Ramón.

Manifestación en Santiago en defensa da sanidade pública - Batas Brancas
Manifestación en Santiago en defensa da sanidade pública - Batas Brancas

RUEDA DI QUE A MANIFESTACIÓN "TENTA CRISPAR"

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, mostrou "absoluto respecto" polos que "piden melloras para a sanidade", pero acusou aos partidos políticos da oposición de pensar "clarísimamente" nas eleccións de maio e en "tentar crispar".

En declaracións aos medios na Feira do Cocido de Lalín, cuestionado pola manifestación convocada este domingo por SOS Sanidade Pública, Rueda censurou que os partidos políticos "non están a pensar hoxe na sanidade" porque, na súa opinión, "na sanidade non se pensa un día, trabállase sempre".

Así, asegurou que a oposición pensa "clarísimamente" nas eleccións municipais do próximo mes de maio e en "tentar crispar", ademais de "non recoñecer absolutamente nada e falar sempre mal da sanidade en Galicia".

"Dicir que nada se fai e que todo empeora é simplemente un cálculo electoral e pensar que coa sanidade pódese xogar para outras cousas que non teñen que ver con ela. Diríalles que tivesen un pouquiño de 'sentidiño'. Está ben criticar, pero tamén está ben recibir algunha vez algunha proposta sensata", defendeu.

"EMOCIONANTE E HISTÓRICA" PARA O BNG

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, cualificou de "emocionante e histórica" a manifestación deste domingo en Santiago de Compostela convocada pola plataforma SOS Sanidade Pública.

"É unha xornada emocionante e histórica neste país onde miles de persoas, cargadas de razóns e tamén coa forza do corazón veñen defender a sanidade pública, a dicirlle ao PP que non van permitir que sigan xogando coa súa saúde", manifestou antes de que arrincase a mobilización na que participan miles de persoas.

Para Pontón, o PP converteuse en "un perigo" para a saúde dos galegos. Por iso, reivindicou a "dignidade" dunha cidadanía "valente" que lle di ao PP que "de nada serve a súa propaganda e manipulación".

"Xa abonda de recortes na sanidade pública, xa abonda das listas de espera en atención primaria, xa abonda á precariedade do persoal da sanidade que nos coida e xa abonda de pór en risco a saúde das persoas. Coa saúde deste país non se xoga", proclamou.

Así mesmo, instou ao PP a "escoitar" e a non seguir "na soberbia, nas mentiras e en insultar á cidadanía". Do mesmo xeito, asegurou que se o Goberno galego tivese "razón e corazón" hoxe escoitaría o que "miles de galegos están a dicirlle". "É un clamor", insistiu, ao que engadiu que "non se pode seguir deteriorando" a sanidade pública, "unha das grandes conquistas da sociedade".

PSdeG

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, reivindicou esta mañá a manifestación en favor da sanidade pública e da Atención Primaria que ten lugar en Santiago, tras "o silencio rotundo, as ocorrencias e os parches" da Xunta de Galicia.

"Despois de moito tempo tentando que a Xunta e o PPdeG, Alfonso Rueda, escoitasen as propostas do mundo sanitario e de formacións como o PSdeG, con experiencia en xestión, tamén no ámbito sanitario; e despois do silencio rotundo, ocorrencia tras ocorrencia, parche tras parche; despois de admitir e asumir a deterioración do sistema sanitario que prexudica absolutamente á sociedade, hoxe ímosllo a explicar doutra maneira", sinalaba Formoso ante os medios, minutos antes de que comezase a manifestación na Alameda compostelá.

"O mundo sanitario e a sociedade civil vaille a explicar o que pensa da deterioración, da desvalorización e a privatización do que máis quere a sociedade galega, que é a sanidade pública, un alicerce fundamental do estado de benestar", concluíu.

PODEMOS GALICIA

O coordinador nacional de Podemos Galicia, Borja San Ramón, cualificou de "histórica" a manifestación que este domingo tivo lugar en Santiago en defensa da sanidade pública e da atención primaria e que "demostra" que existe un modelo "alternativo ao da Xunta e ao de Alfonso Rueda".

En declaracións aos medios antes de que comezase a mobilización, San Ramón lembrou, que desde 2019, "o tempo de espera para un TAC subiu un 60% e para unha consulta cun especialista un 40%". "A privatización do Hospital Cunqueiro, por exemplo, deixou deficiencias estruturais que non permiten un servizo de calidade", apuntou.

"Ante isto, o que temos que visibilizar este domingo é que hai unha alternativa de goberno, ao modelo do PP e de Rueda, e que estamos aquí para visibilizarla e pola en común para traballar esta alternativa", concluíu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta