A USC lidera as solicitudes de patentes na universidade pública española

O informe da Fundación CYD cifra en 98 as peticións tramitadas no período 2004-2012 pola USC, que aporta case a metade das publicacións científicas elaboradas no país.

Por Galicia Confidencial | Santiago | 08/01/2015 | Actualizada ás 14:13

Comparte esta noticia

A Universidade de Santiago de Compostela encabeza o ránking de universidades públicas españolas con máis solicitudes de patentes nacionais tramitadas diante da Oficina Española de Patentes e Marcas (OEPM), segundo consta no informe ‘As universidades españolas. Unha perspectiva autonómica, 2014’, elaborado pola Fundación CYD (Coñecemento e Desenvolvemento) e no que se recollen datos do conxunto de España, por comunidades e universidades.

Laboratorio de Advancel, empresa nacida da USC
Laboratorio de Advancel, empresa nacida da USC | Fonte: appletreecommuni

O citado traballo, que constitúe unha valiosa fonte de información sobre as características máis salientables do sistema universitario español por comunidades autónomas, sitúa a Galicia como a segunda comunidade autónoma máis dinámica en canto á solicitude de patentes nacionais respecto ao seu cadro de persoal docente e investigador en equivalencia a tempo completo. 

A contribución da Universidade de Santiago de Compostela á situación de liderado da comunidade galega neste indicador non é menor, xa que a institución académica compostelá, líder nacional neste capítulo, tramitou 98 das 112 solicitudes de patentes PCT presentadas na Oficina España de Patentes e Marcas (OPEM), dependente do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte (MEC), polas universidades galegas no período comprendido entre 2004 e 2012, no que o citado informe da Fundación CYD ten contabilizadas un total de 1.504 peticións por parte do conxunto da universidade pública española.

A institución académica compostelá tamén ocupa unha posición de liderado no capítulo referido ás solicitudes de patentes nacionais participadas por universidades no período 2000-2012. De feito, 243 das 497 peticións de patentes nacionais rexistradas polas universidades galegas neste tempo están participadas pola USC, unha estatística que a sitúa na cuarta posición do panorama nacional. Máis de 8.000 das 16.610 publicacións científicas acuñadas polas universidades galegas entre 2008 e 2012 corresponde á Universidade de Santiago de Compostela.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 José__

E para que caralho vale uma patente "nacional" espanhola? Hoje em dia como não te movas no mercado global (e mais nestas cousas) vas bo...