Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/02/2023 | Actualizada ás 16:40
O Álbum de Galicia do Consello da Cultura Galega incorporou as biografías de Juan Antonio Saco Arce e Manuel Rodríguez Alonso, dúas figuras que destacaron polo seu labor lexicográfica a favor das Letras Galegas.
En concreto, Saco Arce foi autor da primeira descrición gramatical científica do galego, a Gramática Galega; mentres que Rodríguez Alonso sobresaíu pola súa actividade filolóxica e divulgativa, entre a que se atopa a produción de dicionarios, gramáticas e libros de texto. Asinan as súas entradas no Álbum de Galicia Xosé A. Fernández Salgado e Héitor Mera, respectivamente.
Nacido en Alongos, Juan Antonio Saco Arce tivo unha fonda vocación relixiosa que o levou, despois de cursar o bacharelato en Filosofía (1850), a licenciarse en Teoloxía (1858) e a ordenarse presbítero (1861). En 1863 superou as oposicións á cátedra de Latín e Grego e trasladouse a Ourense, onde desenvolveu a totalidade da súa carreira docente.
Motivado polas súas inquietudes intelectuais, Saco Arce involucrouse no rexurdimento cultural, literario e lingüístico que se estaba producindo naquela década en Galicia. Así, redactou a Gramática Galega, obra que constitúe "a primeira descrición gramatical científica do galego", apunta Fernández Salgado. Ademais, comezou a poetizar en lingua galega tanto con traducións do latín como con composicións orixinais de asunto relixioso.
En 1872, Saco Arce foi nomeado académico correspondente da Real Academia Española, o que, unido á súa Gramática Galega e á publicación dun volume cos seus poemas, converteuno "nunha autoridade de referencia en cuestións lingüísticas, literarias e da nacente ciencia do Folk-Lore", apunta Fernández Salgado.
MANUEL RODRÍGUEZ ALONSO
Nacido na Groba, Manuel Rodríguez Alonso licenciouse en Filoloxía Románica en Santiago de Compostela e, tras opositar, conseguiu o grao de catedrático de instituto en Lingua Castelá e Literatura. Asentado en Pozuelo de Alarcón, combinou a docencia con traballos para unha editorial estatal, para a que produciu dicionarios, gramáticas, libros de texto e traducións.
Recoñecido polo seu labor lexicográfica, Manuel Rodríguez Alonso deixou unha fonda pegada no campo da crítica literaria pola "profundidade das súas análises, a honestidade fóra de endogamias posibles e o dobre carácter literario e lingüístico do que se impregnan os seus textos", afirma Héitor Mera na súa entrada.
Ademais, destacou "polo seu carácter inconformista e pola defensa do seu país, da súa lingua e da súa cultura". De feito, mentres traballaba na Facultade de Filoloxía no campus da UNED en Madrid, promoveu o nacemento da Revista de Lingua e Literatura Catalá, Galega e Vasca, "foro que deu acubillo a moitos autores externos ás inercias da capital" e no que el mesmo publicou algúns artigos, tal e como explica Héitor Mera.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.