As fortalezas ocultas de Muxía

A zona 0 do Prestige e da Costa da Morte oculta unha longa historia de control e de sometemento. O que hoxe é un lugar batido pola terra e polo mar foi, e aínda segue sendo, o centro espiritual de toda unha comarca. Ao seu redor teceuse todo un complexo sistema de fortalezas que tiña coma eixo o antigo mosteiro de Moraime.

Por Xurxo Salgado | Compostela | 30/01/2015 | Actualizada ás 11:00

Comparte esta noticia

Muxía. A terra onde remata o camiño, ou onde comeza, segundo se mire. A terra do vento e do mar, onde a natureza cre ter poderes sobrenaturais cos que, de cando en vez, castiga aos pobres mortais desta fermosa península. A última vítima, coitada, o santuario da Nosa Señora da Barca que, ata o pasado ano, semellaba indestrutible, intocable, eterno, ante os envites da poderosa natureza.

Estrutura circular en Mintiráns, Muxía
Estrutura circular en Mintiráns, Muxía

Precisamente, este santuario ten moito que ver no nacemento de Muxía, ao igual que o Conde de Altamira, dono destas terras. O capitán Fernán Álvarez de Carantoña chegou a ter casa pacega no que hoxe se coñece como Pena do Pazo. Pero é quizais, o enigmático mosteiro de Moraime, o que marcou o pasado desta vila mariñeira.

Este mosteiro medieval foi a primeira gran fortaleza da comarca. Antes de que houbera grandes castelos ou de que existiran as vilas, Moraime era o centro espiritual dunha comarca, a de Nemancos, á que pertencían Fisterra e Muxía. Era tal o seu poder durante a época Medieval que arcebispos guerreiros como Cresconio, San Rosendo ou Xelmírez louvaron a importancia desta reserva espiritual. Tamén reis como Alfonso VI, Alfonso VII e Fernando II eran coñecedores dos segredos e tesouros que gardaba Moraime.

Por iso, na Alta Edade Media, e, especialmente, ata o século XII, foi un lugar cobizado por sarracenos e viquingos. Son moi coñecidas as expedicións de Alí Ben Bemón recollidas na Historia Compostelana, ata o punto de que os habitantes do litoral da Costa da Morte tiñan que marchar cara ao interior desde a metade da primavera ata que chegaba o outono. 

Non é de extrañar, pois, que a xeografía da zona estea chea de “Castelos”, “Castro”, “Armear”, “Atalaia” e ata un “Sinagoga”, un nome, este, que foi obxecto de diversas conxeturas, ao non terse coñecemento de comunidade hebraica na zona. Pero, a maxia de Muxía, da súa contorna, tamén se reflexa na súa toponimia. Nomes que, como letreiros dun tempo pasado, lembran que nesta terra houbo Sorna, Xurarantes ou Mintiráns.

Promontorio dun espazo circular, semellante a unha mota, en Cartel, Muxía
Promontorio dun espazo circular, semellante a unha mota, en Cartel, Muxía

É tal o misterio que rodea esta comarca que o bo de Elixio Viéitez, grande afecioado á arqueoloxía, leva semanas tentando descubrir que ocultan os seus recunchos a través de horas e horas papando PXOMS, SICPAC e os mapas da Xunta. E logo de pescudar sesudamente os espazos que aínda non se atopan catalogados, deu con algúns lugares ben curiosos. 

Por iso, collemos as mochilas un sábado de inverno e alí fomos a investigar. A primeira parada foi, precisamente, en Mintiráns, moi preto de Sinagoga. Alí hai unha estrutura fortificada circular. O seu nome, “a cerca”, xa amosa, ás boas, cal era a súa función, sobre todo porque estaba situado no antigo camiño que levaba a Moraime. O seu dobre anel defensivo e o seu pequeno tamaño lembran máis a unha mota medieval ca un castro.

A “Motte-e-bailey”, ou mota, é unha fortificación de orixe medieval que se fixo moi famosa na Francia e na Inglaterra do século X e XI, precisamente, para contrarrestar as fortes acometidas dos viquingos que, por aquel entón, asolaban toda Europa.

A nosa sorpresa non acabou aí, uns catro quilómetros máis alá, en dirección a Muxía, en Cartel batemos con outra formación similar, outra pequena fortaleza circular, moi semellante á anterior, e con un pequeno promontorio, a xeito de torre, no seu interior. Como a anterior, tamén estaba situada moi preto do antigo camiño que levaba a Moraime. Tamén nese mesmo camiño, e a outros catro quilómetros, en Coucieiro, outra formación circular, agora medio arrasada pola parcelaria chamou a atención de Elixio. Só que, desta volta, non houbo recoñecemento en terreo porque o sitio foi pescudado logo da nosa viaxe a través dos trebellos da rede.

Pero a historia das fortalezas non remata aí. En Leis de Nemancos –fermoso e evocador nome onde os haxa--, xa na liña costeira que une Moraime con Porto, xa en Vimianzao, atopamos tamén os topónimos Foxo, Barreira e Atalaia. Ese camiño remata na Ponte do Porto, antigo porto medieval ao que se ten que chegar pasando polo porto do Cereixo, dominado por dúas impoñentes torres de orixe medieval. Un patrimonio que, como outro en Galicia estaba en venda hai uns anos por 4,5 millóns de euros.

Na outra dirección, na que vai a Touriñán, está outro fermoso castro, o de Lourido, ao pe da Praia de Lourido, na que algunhas mentes holiwoodienses sitúan o antigo porto natural de atraque das naves viquingas e sarracenas. 

Lourido é unha impoñente fortificación que domina toda a liña costeira. Ao seu carón, o Monte Buitra, onde o cemento está facendo das súas en forma dun mega parador de turismo que, curiosamente, atópase na dirección oposta ao sol. Cousas inexplicables das grandes mentes pensantes deste país. Ao pe de Lourido, o monte Facho, o punto máis alto da comarca e onde as vistas de Nemancos son impresionantes.  E, como o seu nome indica, era un facho, o lugar no que se acendían fogueiras para anunciar perigos.

O porque de tantas fortalezas na contorna é un misterio. Coma nin eu nin o bo de Elixio, gran erudito dos PXOMS municipais e especialista en atopar sitios arqueolóxicos onde o ollo humano só ve veigas e pedras, somos especialistas en arqueoloxía, as hipóteses quedan para os expertos. Pero, para aqueles que visitedes Muxía, ou a Virxe da Barca, non deixedes de botar un ollo aos recunchos fermosos e esquecidos que oculta esa brava rexión da Costa da Morte, comezando polo mosteiro de Moraime, a alfa e a omega de Nemancos.

A estrutura circular de Mintiráns, Muxía, vista desde o visor xeográfico da Xunta
A estrutura circular de Mintiráns, Muxía, vista desde o visor xeográfico da Xunta
A estrutura circular de Cartel, Muxía, vista desde o visor xeográfico da Xunta
A estrutura circular de Cartel, Muxía, vista desde o visor xeográfico da Xunta
Entrada a Ponte do Porto, xa en Camariñas, desde o visor xeográfico da Xunta
Entrada a Ponte do Porto, xa en Camariñas, desde o visor xeográfico da Xunta
Torres do Cereixo, en Vimianzo
Torres do Cereixo, en Vimianzo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Galvan

Onde esta a Xunta, promovendo a investigacion da nosa historia e a posta en valor do patrimonio?