O regreso de Antón Tovar ás veigas durmidas

«A Limia faise paisaxe de voces e imaxes amigas onde se quere acochar o poeta». (Delfín Caseiro, na Biografía de Antón Tovar, incluída na Antoloxía poética)

Por Xosé Antón Jardón | Vilar de Santos | 18/04/2023

Comparte esta noticia
Contra a abulia e o esquecemento, que inzan como as acacias nestes tempos etéreos, nos que medran e viven amancebados a desmemoria e o exceso de información revirada, o Museo da Limia (Vilar de Santos), na súa teimosía de loitar contra os elementos, vén de promover, coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística, a Antoloxía poética de Antón Tovar editada por Xerais (Vigo2023), coordinada con acertada habelencia e entusiasmo polo propio presidente do seu Padroado, Delfín Caseiro. A obra, que conta, como non podía ser doutro xeito, co limiar de seu camarada, promotor e editor, Xesús Alonso Montero, inclúe unha biografía do poeta da Pereira, elaborada polo responsábel da edición, 67 poemas representativos dos sete poemarios do autor limiao e seis ilustracións do artista Xosé Lois Carreira.
 
Neste fabuloso traballo, que serve de colofón a unha infinidade de actos encamiñados a afondar, divulgar e reivindicar a creación literaria –e a merecida dedicación do Día das Letras Galegas– camiñan ao par, ata fundirse nun corpo macizo a vida e os versos do poeta da Pereira, ata expresar e explicar o pensamento, a biografía e a poesía do “poeta da autenticidade atormentada e do inconformismo”, como di o responsábel da edición.  
 
Mais esta atinada achega cultural, que xa atopou o seu camarín na Biblioteca da Limia e no corazón e na cabeza de moitos tovarianos, chega acompañada dunha manda de virtudes que non poden pasar desapercibidas. Canda esta antoloxía, aflorou a sabenza, a harmonía, a conivencia e o amor dos dous mestres, Alonso Montero e Delfín Caseiro, pola obra de Antón Tovar. Ámbolos dous, xuntamente co ilustrador –outro limiao irredento– e cos herdeiros do poeta, que doaron os dereitos de autor ao Padroado do Museo da Limia, conforman unha alma infinda e altruísta, capaz de acreditar que no noso País hai xente con valores e principios, gurrando contra a desmemoria e a cobiza e contribuíndo cada día a que iso que denominamos “lingua e cultura propia” non se esvaezan entre as ouvas contaminadas que medran nos ríos dos esquecementos.   
 
[O meu tío Lisardo pensa que, lendo esta antoloxía, en poucas horas é posíbel achegarse á vida e obra dun dos poetas intimistas máis significativo da segunda metade do século pasado. Recomenda comezar o libro polos poemas, seguir pola biografía e rematar co prólogo, para poder compartir ao final os pareceres propios cos do responsábel da edición e do prologuista].  
 

Antón Tovar
Antón Tovar | Fonte: cultura.gal
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Antón Jardón Xosé Antón Jardón Dacal (Vilar de Santos, 1952), é Coordinador do Padroado do Museo da Limia. Colabora habitualmente con artigos de opinión e relatos en La Región, Galicia Confidencial, Praza.gal, Temposdixital e BadalNovas. Coautor dos libros A luz da chuvia (2019) e O Lebre das Casarizas, unha vida de máquinas e inventos (2019), ten participado en diversas publicacións colectivas: Limiaxinacións, Evocacións das Terras do Lethes (2009), Miguel, un cura grande en Parada de Outeiro (2009). Secretario-interventor de administración local xubilado, foi alcalde de Vilar de Santos, deputado provincial, vicepresidente da Federación Galega de Municipios e Provincias e Delegado da Consellería de Industria no bipartito.