Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/04/2023 | Actualizada ás 20:56
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, situou á candidata do BNG á Alcaldía de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín, como a que será a "primeira alcaldesa" da capital galega e que fará "historia" o próximo 28 de maio nas eleccións municipais. E farao acompañada dunha lista na que se incluíron catro nomees de independentes, entre eles, o director e guionista Alfonso Zarauza, que pecha a candidatura.
Zarauza, que concorrera na candidatura de Compostela Aberta en 2015 liderada por Martiño Noriega, é un do catro nomees xunto a Marisa Gil Neto (ecoloxista), Fernando Lacaci (vinculado a asociacionismo de pais e nais no mundo educativo) e Eva Civianes (comercio).
Na súa intervención na Sala Capitol, na presentación da candidatura, a portavoz nacional do BNG mostrou o seu "profundo convencemento" de que Santiago de Compostela "fará historia elixindo a Goretti Sanmartín como a próxima alcaldesa", "a muller que vai ser capaz de abrir un tempo novo de futuro e de ilusión para devolverlle a Compostela o pulso, o dinamismo, o liderado e a forza que lle corresponden á capital de Galicia".
Pontón manifestou que é necesario "avanzar cara a unha cidade sustentable, igualitaria, feminista" e o BNG "ten o proxecto, equipo e liderado para facelo posible da man de Goretti Sanmartín". "Será unha alcaldesa coas mans libres para defender os intereses de Santiago e a súa xente, que non ten que pedirlle permiso a ninguén para reclamar o que é xusto para os veciños, sen medo a molestar nin a Moncloa nin a San Caetano", salientou.
Pola súa banda, Sanmartín agradeceu a implicación das asociacións que lle acompañaron e manifestou que "non é posible facer política muncipal sen contar coa súa implicación, coa participación dos sectores máis dinámicos do concello".
A candidata fixo referencia a que Santiago de Compostela "non pode resignarse, porque merece moito máis, merece ilusión, ideas novas e ganas de cambiar as cousas". "Merece unha corporación que se preocupe polas persoas que aquí viven e residen, para sentir que estamos nunha cidade única, con enormes potencialidades e cun extenso rural que non pode seguir sendo discriminado", agregou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.