Detido o fillo do home morto atopado en Muros con signos de violencia

Polo momento, a Garda Civil non confirmou oficialmente a arma coa que se produciu a morte violenta

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/04/2023 | Actualizada ás 10:53

Comparte esta noticia

O mozo de 19 anos que foi detido este sábado como presunto autor do homicidio do seu pai, de 59, cuxo corpo foi localizado na pasada madrugada no seu domicilio de Esteiro, en Muros (A Coruña), permanece baixo custodia policial na comisaría de Boiro.

Así o confirmou a Garda Civil, nun escenario no que se continúa avanzando nas dilixencias da investigación, que asumiu a Policía Xudicial de Noia. Tras a detención, a marxe legal para o pase a disposición xudicial do detido é de 72 horas.

O Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 confirmou a morte violenta á primeira hora deste sábado. A alerta sobre a existencia dunha agresión e unha persoa ferida nunha vivenda deste municipio coruñés produciuse sobre as 00,42 horas da madrugada.

Ao lugar do suceso acudiron unha ambulancia asistencial de soporte vital básico, así como persoal sanitario da PAC de Muros. O 061 informou posteriormente da morte violenta do home e tamén de que foi atendido un mozo de 19 anos e iniciais A.M.P., que foi dado de alta alí mesmo.

A ARMA, PENDENTE DE CONFIRMACIÓN OFICIAL

Este mozo de 19 anos é o fillo do falecido e foi detido polo suposto homicidio do seu pai, mentres se continúa solicitando datos para aclarar as circunstancias do ocorrido.

Polo momento, a Garda Civil non confirmou oficialmente a arma coa que se produciu a morte violenta, aínda que fontes coñecedoras do caso indicaron a Europa Press que se tratou dun machete ou un obxecto de características similares. A autopsia determinará con maior claridade as circunstancias concretas do falecemento.

O FALECIDO ERA "MOI COÑECIDO" E REXENTOU UN BAR

Fontes municipais consultadas por Europa Press indicaron que o home falecido era "moi coñecido" porque Esteiro é "moi pequeno" e rexentara un bar situado, precisamente, no baixo do inmoble no que se produciu a agresión. Na actualidade, o negocio estaba pechado.

As mesmas fontes precisaron que houbo veciños que, horas antes de que transcendese o suceso, ouviron golpes na vivenda. E que habitualmente, na mesma, había discusións, que atribúen a que o mozo tiña "problemas".

Detido no coche da Garda Civil tras a detención
Detido no coche da Garda Civil tras a detención | Fonte: GARDA CIVIL

MUROS "CONSTERNADA"

A localidade de Muros vive este sábado "consternada" pola morte violenta do veciño de Esteiro. "Estamos todos moi consternados", trasladou a Europa Press a alcaldesa da localidade, Inés Monteagudo, quen advertiu de que se trata de "unha gran desgraza".

Máis aló, evitou facer calquera tipo de declaración con referencia ao suceso, tendo en conta que se atopa no medio dunha investigación aínda incipiente. "Hai que deixar traballar aos investigadores e esperar a que se aclare o ocorrido", apelou.

Entre tanto, á primeira hora da tarde a zona da vivenda na que se produciu o sinistro atopábase tranquila e xa sen expectación veciñal. Aínda permanecían, iso si, axentes da Garda Civil practicando dilixencias, dado que, entre outras cuestións, realizouse unha análise exhaustiva ocular do domicilio no que se produciu o suceso. O equipo da Policía Xudicial de Noia está á fronte.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta