Aumenta alarmantemente a sinistralidade na construción duplicando os accidentes e mortos entre 2021-2022

Os accidentes case dobran ao do resto de actividades.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/05/2023 | Actualizada ás 11:45

Comparte esta noticia

O índice de incidencia da sinistralidade no sector da construción en Galicia case dobra ao da media do resto de actividades, segundo un informe da Fundación Laboral da Construción de Galicia, que o sitúa en 5.210 accidentes con baixa en xornada laboral por cada 100.000 traballadores en 2022.

O ano anterior, de acordo co informe, o índice de incidencia da sinistralidade no sector en Galicia rexistrou un repunte que o levou ata a cifra de 6.023,55 por cada 100.000 traballadores. Segundo o responsable de seguridade e saúde laboral da fundación, Luís Vázquez de Soto, este índice, na actualidade "case chegando a un 6", é "bastante máis alto" para a construción que para a media do resto dos sectores, que en Galicia é de "un pouco máis dun 3".

O Consello Territorial de Galicia de Fundación Laboral da Construción presentou o documento este martes aos medios de comunicación coincidindo cunha xornada técnica no seu centro de Santiago para facer balance das actividades de OPPC (Organización Mixta para a Prevención na Construción) e presentar o plan OPPC para 2023.

En canto ao peso que ten a construción en Galicia, Vázquez de Soto apuntou que o número de empresas está a chegar case ao 30% do total inscritas na Seguridade Social. En concreto, 8.405 de 27.631 con datos correspondentes a 2022.

CHAMAMENTO Á CONCIENCIACIÓN

En canto á maior incidencia, asumiu que é "evidente" que o sistema produtivo da construción "é o que é" e que implica que os traballadores se expoñen a riscos máis elevados, pero chamou á concienciación tanto por parte destes como das empresas. Precisamente, dixo, o que está "a tratar de facer" o OPPC é "incidir na promoción da seguridade laboral tanto nas empresas como nos traballadores".

En todo caso, de acordo coa súa información, o índice de incidencia da sinistralidade na construción en Galicia é inferior en case un punto á media estatal "e a tendencia é á baixa", con datos de 2022 aínda non consolidados polo Ministerio de Traballo.

O INFORME

Entre outros números, o estudo da fundación recolle que os accidentes laborais no sector galego alcanzaron os 4.665 en 2021, deles 12 mortais. Ambos os datos son os máis elevados do período que analiza o organismo (2016-2021). Así, o ano anterior, en 2020, foron 2.565 accidentes laborais e cinco deles foron mortais.

Varios guindastres nunha zona de obras
Varios guindastres nunha zona de obras | Fonte: David Zorrakino - Europa Press - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta