Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/06/2023 | Actualizada ás 17:30
O IES de Ames recolleu este martes o premio como vencedor da primeira edición de 'Reimaxina a Ciencia', grazas ao vídeo divulgativo 'Agapito informa: ensaios clínicos'.
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, foi o encargado de entregar o galardón deste concurso organizado pola Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS) da Xunta e o Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS), en colaboración coa firma farmacéutica Novartis.
Durante o acto, celebrado no salón de actos do edificio administrativo da Consellería de Sanidade, no barrio compostelán de San Lázaro, García Comesaña destacou o "talento excepcional" dos 1.047 alumnos de 33 centros educativos que participaron nesta primeira edición.
Ademais do instituto de Ames, á fase final do certame chegaron seis pezas audiovisuais realizadas polo CPI Alfonso VII de Caldas de Reis, o IES de Sar de Santiago --con dous vídeos--, o IES Perdouro de Burel e o IES do Milladoiro, tamén en Ames.
Os proxectos presentados, valorou o conselleiro, permiten "obter unha pespectiva distinta, diferencial e a ter en conta de face a afrontar os grandes retos da saúde pública e o medicamento do futuro". Tamén animou aos mozos a manter a súa paixón pola ciencia e a investigación.
TERCEIRA RESONANCIA MAGNÉTICA MÓBIL
Por outra banda, a Xunta acaba de recibir unha nova unidade de resonancia magnética móbil que completa o plan de renovación destes equipos no Sergas. Antes desta, xa se incorporaron outras dúas nos anos 2018 e 2021 que permiten unha maior comodidade para os pacientes.
Segundo informa a Administración autonómica, esta renovación foi posible grazas a fondos europeos transferidos a través do plan 'Inveat', con máis de tres millóns de euros de investimento.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.