O dispositivo contra os incendios contará cunha unidade especializada en grandes lumes

Máis de 7.000 efectivos de Xunta, Estado e concellos participarán na loita contra os incendios en Galicia

Por E.P. | Santiago de Compostela | 21/06/2023 | Actualizada ás 14:40

Comparte esta noticia

O dispositivo contra os incendios forestais que se porá en marcha durante a tempada de alto risco en Galicia contará por primeira vez cunha unidade especializada en grandes lumes, terá tres novas brigadas públicas helitransportadas e ampliará a rede de videovixilancia.

Estas novidades foron abordadas este mércores na reunión do Comité Integrado de Prevención de Incendios de Galicia (CIPIG). Este órgano, que está operativo desde o 1 de xullo ata o 30 de setembro, ten como obxectivo coordinar as actuacións da Xunta e do Goberno central en materia de prevención e loita contra os incendios forestais na Comunidade galega, co fin de sumar sinerxías e anticiparse aos incendios.

Tras o encontro, compareceron ante os medios o vicepresidente primeiro da Xunta, Diego Calvo; o conselleiro de Medio Rural, José González, e a sudelegada do Goberno en Galicia, María Rivas. Tamén asistiron, de forma presencial ou por videoconferencia, o xefe superior da Policía Nacional en Galicia, Ramón Gómez Neto; o comisario xefe da Policía Autonómica, Jorge Rubal; o xefe da XV Zona da Garda Civil en Galicia, Miguel González Arias; xunto con representantes dos ministerios de Interior, Defensa e Para a Transición Ecolóxica.

O responsable de Medio Rural, José González, destacou as novidades incluídas no dispositivo, tanto no ámbito do persoal como dos medios e das melloras tecnolóxicas. Así, puxo en valor a creación da unidade especializada en grandes incendios, na que un grupo de directores de extinción poderán ser mobilizados para facilitar e favorecer o correcto desenvolvemento do dispositivo en lumes con potencial de converterse en grandes incendios.

Así mesmo, González subliñou o despregamento de tres novas brigadas públicas helitransportadas operativas todo o ano nas bases do Barco de Valdeorras, do Xurés (Muíños) e de Queimadelos (Mondariz) e a ampliación da rede de viodeovigilancia forestal, con cinco novas cámaras dispoñibles, en dúas novas localizacións, co que se alcanza a cifra de 153 unidades en 76 localizacións.

Na mesma liña, mencionou o reforzo de medios materiais con máis motobombas e unidades batracio, que consisten nun tractor con cisterna, trituradora multifunción e polidozer. Así, prevese a compra de 15 motobombas e doutros 12 batracios. Ao mesmo tempo, introduciranse melloras e novas aplicacións para facilitar o traballo ao persoal e realizouse unha actualización das parroquias de alta actividade incendiaria (PAAI), identificando un total de 40.

O conselleiro tamén destacou o reforzo en materia de formación, tanto para o persoal do servizo, case duplicando o orzamento para o efecto ata os 700.000 euros, como cara á sociedade, cun mínimo de 40 charlas dirixidas á poboación das citadas parroquias de alta actividade incendiaria.

No mesmo sentido, González explicou que, como nos veráns pasados, o operativo humano --integrado por persoal da Xunta, dos concellos, do Ministerio, do Exército e das forzas e corpos de seguridade-- terá á súa disposición ao redor de 380 motobombas, entre outros medios terrestres, e unha trintena de medios aéreos.

O conselleiro tamén se referiu ao Plan de prevención posto en marcha en abril cun investimento de case 38,8 millóns de euros para actuar nunhas 60.000 hectáreas, nuns 5.600 quilómetros de pistas e outras vías en case 4.840 puntos de auga, entre creación de puntos novos e mantemento dos existentes.

MÁIS DE 7.000 EFECTIVOS

Pola súa banda, o vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, incidiu na necesidade da implicación e da colaboración da sociedade extremando as precaucións e colaborando na denuncia de calquera actividade delituosa incendiaria. Ademais, avogou pola coordinación entre as administracións na loita contra o lume tras un encontro no que se abordou o dispositivo integrado por máis de 7.000 efectivos ante o inicio da tempada de alto risco o próximo 1 de xullo.

Entre os medios mobilizados que dependen da Vicepresidencia Primeira, inclúense 225 efectivos da Policía Autonómica para a investigación de incendios e 114 vehículos. Ademais, a Axencia Galega de Emerxencias (Axega) colaborará nas intervencións cun Grupo de Apoio Loxístico (GALI) e facilitaranse medios técnicos como seis drones ou tres cisternas con capacidade de 25.000 litros cada unha.

No dispositivo deste ano integraranse 400 profesionais dos GES e máis de 4.400 voluntarios das 235 agrupacións de voluntarios de protección civil. Ademais, participarán 432 bombeiros e 75 vehículos dos parques municipais das cidades e 446 efectivos e 97 vehículos dos parques dos consorcios provinciais e comarcais.

Ambos os mandatarios autonómicos tamén lembraron o número de teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria: o 900 815 085 e lembraron que tamén está a disposición da cidadanía o servizo gratuíto 085, ao que se debe chamar en caso de detectar un incendio.

COORDINACIÓN CO GOBERNO

Pola súa banda, a subdelegada do Goberno, María Rivas, destacou o compromiso do Goberno de España na loita contra os incendios, para o que colabora coa Xunta de Galicia e achega "toda unha serie de medios" a través dos ministerios de Defensa, de Interior e o de Transición Ecolóxica.

Entre estes medios, destacou as forzas e corpos de seguridade, así como a mobilización da Unidade Militar de Emergecnias (UME), que despraza de forma permanente a un batallón a Figueirido. A iso, indicou, súmanse os 500 efectivos destinados na base de León e que son trasladados cando así o solicite a Xunta.

"En definitiva, estamos a falar de máis de 4.000 efectivos de todo o Estado traballando nesta campaña de verán a través", afirmou para destacar tamén os medios aéreos, como os avións e helicópteros, que están a disposición da Administración autonómica para as intervencións necesarias, así como a posta en marcha da Operación Sentinela que aborda a prevención.

PREVISIÓNS

Preguntado sobre se o dispositivo de alto risco prolongarase máis aló do verán, o conselleiro do Medio Rural sostivo que "os 12 meses do ano hai 2.000 persoas totalmente dedicadas á prevención" e, cando é necesaria, "a extinción".

O conselleiro sostivo que este dispositivo é "extraordinario" e que "durante seis meses" cóntase con "mil persoas que fan labores de vixilancia, de prevención e tamén de extinción". "Por tanto, penso que temos moi ben balanceado o dispositivo", apuntou para soster que Galicia está "moi preparada" para afrontar a tempada de alto risco.

O conselleiro recoñeceu que as condicións meteorolóxicas son moi cambiantes e sostivo que "calquera hectárea que arda é unha desgraza" polo que a Xunta debe estar "o máis preparada posible".

Reunión do Comité Integrado de Prevención de Incendios de Galicia (CIPIG). SUBDELEGACIÓN
Reunión do Comité Integrado de Prevención de Incendios de Galicia (CIPIG). SUBDELEGACIÓN | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta