Manuel Jabois será o pregoeiro da XXIV Feira do Viño de Valdeorras

“Estamos expectantes por coñecer o que ten que dicir sobre o godello e sobre o resto de variedades da nosa denominación de orixe", comenta o presidente do Consello Regulador, José Ramón Rodríguez.

Por Galicia Confidencial | Vilamartín de Valdeorras | 24/06/2023 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

A XXIV Feira do Viño de Valdeorras terá un pregoeiro de luxo. O xornalista e escritor Manuel Jabois, nado en Sanxenxo en 1978, será o encargado de falarlle aos viños deste territorio amparado no escaparate vitivinícola que se celebrará os vindeiros 8 e 9 de xullo no recinto feiral de Viloira, no Concello do Barco.

Manuel Jabois. Foto cedida polo CRDO Valdeorras.
Manuel Jabois. Foto cedida polo CRDO Valdeorras.

O pregón de Jabois está será o sábado 8 pola mañá, inmediatamente antes do acto institucional de apertura da feira. “A súa talentosa prosa, plasmada en numerosas columnas e artigos de opinión e en máis de media ducia de obras, entre as que se inclúen varias novelas, e a súa aguda e escéptica mirada da actualidade foron dúas das razóns determinantes para a escolla de Manuel Jabois como pregoeiro desta edición da feira do viño”, destaca o presidente do Consello Regulador, José Ramón Rodríguez.

“Estamos expectantes por coñecer o que ten que dicir sobre o godello e sobre o resto de variedades da nosa denominación de orixe quen, sen dúbida, é un dos autores máis notables do panorama español actual”, engade o máximo responsable do organismo vitivinícola.

MANUEL JABOIS

Manuel Jabois gañou en 2003 o Premio Nacional de Xornalismo Xulio Camba. Durante a súa dilatada carreira, escribiu para diferentes cabeceiras galegas e estatais e na actualidade colabora habitualmente con varios dos medios do Grupo Prisa. Conta, ademais, con sete obras publicadas por diferentes editoriais entre as que se atopan as novelas Malaherba ou Miss Marte.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta