As escolas de música municipais e de entidades sen ánimo de lucro poderán acceder a axudas de ata 9.000 euros

O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o 7 de xullo

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/07/2023 | Actualizada ás 16:26

Comparte esta noticia

As escolas de música municipais e privadas dependentes de institucións sen ánimo de lucro poderán acceder a axudas de ata 9.000 euros para financiar a súa actividade. A Xunta publicou esta convocatoria no Diario Oficial de Galicia, dotada con 265.000 euros, para contribuír ao funcionamento destes centros ao longo do ano 2023.

Segundo detallou a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, poderán acceder a estas subvencións as escolas de música incluídas no Rexistro de Escolas de Música e Danza da Comunidade que dependan de institucións sen ánimo de lucro. Así mesmo, as axudas para as escolas de música públicas, dependentes dos concellos e que estean incluídas nese rexistro.

O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o 7 de xullo e as candidaturas deberán presentarse por medios electrónicos e a través dos formularios normalizados dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia.

O obxectivo desta convocatoria, explicou o Goberno galego, é potenciar o funcionamento dos centros que imparten ensinos de música non reguladas, dirixidas ao público en xeral, e prestarlles apoio ás iniciativas para o fomento, difusión e extensión destes ensinos por parte, tanto dos concellos como das entidades sen ánimo de lucro que teñen entre os seus fins a formación musical.

Neste sentido, a Xunta quixo destacar que estes centros se dedican á formación de afeccionados e á preparación das probas de acceso aos estudos conducentes á titulación daquelas persoas que teñan vocación e aptitudes para a música. A notable demanda destes ensinos de música xustifica o crecemento no número de centros que as imparten e a contribución do Goberno galego ao seu funcionamento.

Actividades de música para nenos escolares organizadas pola Fundación
Actividades de música para nenos escolares organizadas pola Fundación

AXUDAS PARA EDITAR AUDIOLIBROS EN GALEGO

A Xunta de Galicia lanzou unha nova liña de axudas para editar audiolibros e libros de lectura fácil en galego, medida que se enmarca no Plan de impulso do libro galego, que inclúe medidas para afianzar o apoio ao sector e abrir oportunidades de negocio para os seus profesionais.

Segundo informan nun comunicado, alíñase tamén cos obxectivos da futura Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia, actualmente nos últimos trámites antes da súa remisión ao Parlamento.

Destacan que buscan así establecer un marco normativo que "garanta a participación e acceso á cultura a todo tipo de persoas e colectivos sociais, independentemente da súa condición, idade, situación socioeconómica ou lugar no que vivan".

Esta liña de axudas xa se publicou no Diario Oficial de Galicia (DOG) e conta cun investimento de 150.000 euros para impulsar a produción editorial nestes novos formatos. "Á hora de pola en marcha, a Consellería ten en conta, por unha banda, que o mercado dos audiolibros atópase nunha tendencia alcista nos últimos anos e detéctase unha necesidade de ampliar a oferta de audiolibros en galego, polo que se considera primordial incentivar a súa produción para, entre outras vantaxes, favorecer a dixitalización da cultura galega".

REQUISITOS E PRAZOS

Tal e como se recolle nas bases, os audiolibros deberán ter como orixe unha obra publicada previamente en galego no últimos cinco anos ou en calquera outro idioma que, no seu caso, traduciuse ao galego. Deberán editarse para a súa comercialización a través de plataformas de distribución dixital e realizaranse mediante a utilización de voz humana real.

Pola súa banda, os libros en lectura fácil obxecto de subvención deberán estar editados en galego ou en calquera outro idioma que, no seu caso, traducirase ao galego, e cuxa produción sexa comercializada a través de librarías ou doutras canles de distribución física ou dixital.

Serán unha primeira edición dunha obra inédita en galego, ou ben a adaptación dunha obra xa publicada orixinariamente en galego, durante o últimos cinco anos e da que non exista adaptación en lectura fácil no mercado. Tamén poderán ser traducións ao galego de obras publicadas noutro idioma e que xa estean adaptadas en lectura fácil. O prazo para solicitar estas axudas estará aberto ata o 28 de xullo, inclusive. Os proxectos subvencionados deberán estar finalizados e no mercado antes do 31 de outubro de 2024.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta