O TSXG valida a proclamación de edís de Carballeda de Valdeorras ao tombar un recurso de Carballeda Renova

O alto tribunal explica que "non é competente" para pronunciarse sobre determinadas condutas polas que se presentaron denuncias ante o xulgado de garda do Barco de Valdeorras.

Por E.P. | OURENSE | 03/07/2023 | Actualizada ás 20:15

Comparte esta noticia

O Tribunal Superior de Xusticia de Galicia (TSXG) desestimou o recurso contencioso electoral interposto por un representante da agrupación de electores Carballeda Renova e validou a proclamación de concelleiros electos no Concello de Carballeda de Valdeorras nas pasadas eleccións municipais.

A Sección Primeira da Sala do Contencioso Administrativo explica na sentenza, facilitada aos medios este luns, que "non é competente" para pronunciarse sobre determinadas condutas polas que se presentaron denuncias ante o xulgado de garda do Barco de Valdeorras.

Sinala que "é evidente" que "feitos contrarios por completo á pureza que debe rexer o desenvolvemento dun proceso electoral quedan á marxe da facultade de revisora ou fiscalizadora da Xurisdición Contencioso Administrativa", posto que tal investigación acerca de conduta, "reprobables de ser certas", corresponden á xurisdición penal, "a cal debe dirimir se son ou non constitutivas de infracción criminal".

Así pois, na resolución, contra a que non cabe presentar recursos, os maxistrados subliñan que a súa competencia "queda constreñida" ao exame da actuación "exclusiva da mesa, da Xunta Electoral de Zona e da adecuación a dereito da decisión da Xunta Electoral Central que aquí se impugna, únicas suxeitas ao control da legalidade que á sala corresponde en materia electoral".

É por iso que o Tribunal non se pronunciou sobre as irregularidades denunciadas, que presuntamente se produciron con carácter previo á xornada electoral ou durante o desenvolvemento da mesma.

Entre elas figuraban a presentación do voto por correo o mesmo día do falecemento dunha electora, a emisión de máis de 60 votos depositados na oficina de correos por persoas distintas dos electores correspondentes a "anciáns ingresados no xeriátrico de Sobradelo".

Segundo Carballeda Renova, a alcaldesa desde 1991, a popular María del Carmen González, estaba detrás destes votos fraudulentos, xa que dúas sobriñas súas traballan no centro de maiores. Tamén denunciaban que algúns concelleiros acompañaran a persoas da terceira idade ata a mesa electoral.

PP RETÉN O GOBERNO

Conforme ao escrutinio realizado pola Xunta Electoral de Zona, a lista máis votada é a do Partido Popular con 8 concelleiros á fronte da que se atopa a popular María del Carmen González, quen ostenta o bastón de mando do municipio valdeorres desde 1991. En segundo lugar atópase a agrupación de electores Carballeda Renova cun único edil, José Antonio Igrexas, quen interpuxera o recurso.

O concelleiro do partido independente solicitou á Xunta Electoral de Zona --a do Barco de Valdeorras-- o pasado 29 de maio que se repetisen os comicios electorais por supostas irregularidades, pero a súa petición foi desestimada.

Recursos de eleccións xerais 2015, Senado, Cortes Xerais, senadores, urnas, votar, voto. EUROPA PRESS - Arquivo
Recursos de eleccións xerais 2015, Senado, Cortes Xerais, senadores, urnas, votar, voto. EUROPA PRESS - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta