Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/07/2023 | Actualizada ás 14:27
O persoal ao servizo da Administración autonómica de Galicia disporá de catro horas para acudir a votar se o 23 de xullo non ten descanso laboral. Tamén dispón desas mesmas horas no caso de facelo por correo para solicitar e entregar o sufraxio.
Ademais, no caso de que se acredite que forma parte dunha mesa electoral, xa sexa como membro por sorteo ou como apoderado, poderá gozar dun permiso retribuído de cinco horas ao día seguinte da xornada de votacións. Así o dispón o Diario Oficial de Galicia (DOG) con motivo da xornada electoral do próximo 23 de xullo.
Concretamente, sinala que o persoal que non goce do seu descanso semanal "terá dereito a un permiso retribuído de ata catro horas libres para exercer o seu dereito ao voto, sempre que a súa quenda de traballo coincida, polo menos en catro horas, co tempo en que permanecerán abertas as mesas electorais". Cando o traballo se preste en xornada reducida, efectuarase a correspondente redución proporcional do permiso.
Admeás, o persoal ao servizo da Administración pública de Galicia que teña previsto que na data da votación non se atope na localidade onde lle corresponde exercer o seu dereito ao voto, ou que non poida exercer o dereito de sufraxio o día das eleccións, disporá, no seu horario laboral, de ata catro horas libres para que poida formular persoalmente a solicitude de certificación acreditativa da súa inscrición no censo, así como para a remisión do voto por correo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.