O Concello de Santiago acorda unha transferencia adicional de crédito para aluguar autobuses á empresa Tussa

O importe desa transferencia é de 124.993 euros, procedentes dos remanentes de 2022.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/07/2023 | Actualizada ás 19:07

Comparte esta noticia

A Xunta de Goberno do Concello de Santiago acordou este xoves realizar unha transferencia adicional de crédito en favor de Tussa para que a empresa municipal poida alugar este ano unha pequena frota de autobuses para prestar o servizo do transporte urbano.

En concreto, aprobouse un expediente de crédito por case 125.000 euros, financiados con cargo ao remanente líquido de tesouraría para gastos xerais do Concello do exercicio de 2022.

A Xunta de Goberno, reunida en sesión extraordinaria, aprobou o expediente de crédito para atender a necesidade dunha transferencia adicional a favor de Tussa, para poder acometer neste ano o aluguer de autobuses, á espera de que poida finalizar a licitación do novo contrato do transporte público.

O importe desa transferencia é de 124.993 euros, procedentes dos remanentes de 2022. Con esta medida, o Goberno local pretende "paliar a delicada situación na que se atopa a frota e substituír aqueles vehículos que se atopan e peores condicións ou sofren un maior número de avarías".

Será Tussa quen asuma o aluguer temporal dos autobuses, para a súa posta a disposición da empresa concesionaria do servizo do transporte urbano. A empresa municipal está a traballar para definir as necesidades e iniciar o procedemento para o aluguer o máis axiña posible.

No mesmo expediente aprobado na Xunta de Goberno extraordinaria celebrada inclúense outros suplementos de crédito con cargo ao remanente líquido de tesouraría para gastos xerais do Concello.

En concreto, aprobáronse 41.925 euros para completar o crédito necesario para atender os intereses da débeda bancaria municipal; 20.000 euros para a subministración de combustibles e carburantes para as dependencias da UMAD; 35.000 euros para a subministración de combustibles e carburantes para as dependencias de Servizos Sociais; 75.000 euros para atender a convocatoria deste ano dos bonos de consumo no comercio e na hostalaría; e 215.893 euros para garantir o mantemento de servizos esenciais para o Concello vinculados á área de modernización, innovación e calidade da administración local.

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, en rolda de prensa
A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, en rolda de prensa | Fonte: EP

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta