A construción creceu un 9 % durante o primeiro semestre en Galicia, pero cada vez hai menos traballadores nas obras

A plataforma de xestión documental de coordinación de actividades empresariais en España, Nalanda, afirma que a media de empregados está en 106, cando en 2021 chegaba aos 165.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO | 22/07/2023 | Actualizada ás 12:00

Comparte esta noticia

A plataforma de xestión documental de coordinación de actividades empresariais en España, Nalanda, afirma que a construción experimentou un crecemento do 9 % no primeiro semestre deste 2023 en Galicia.

En concreto, Nalanda sinala que na comunidade galega ofertáronse a través da plataforma un total de 663 obras neste semestre. Isto representa algo máis do 6 % do total nacional e sitúa a esta comunidade como a sexta de España.

Segundo a plataforma, o maior crecemento en Galicia deuse nas obras de ata 500.000 euros, que aumentaron un 13 %, e nas de entre 1 e 10 millóns, que aumentaron un 12 %.

CONXUNTO DO ESTADO

No conxunto do Estado, a actividade do sector da construción creceu un 11,22 % durante o primeiro semestre de 2023, o que supón o dobre de incremento que no mesmo período de 2022.

Neste período, o sector da construción ofertou un total de 10.441 obras a través desta plataforma. Só o mes de xuño, con 2.419 obras ofertadas, representou o 23 % de todas as do semestre, sendo o mes con máis licitacións na historia da plataforma.

A maior parte das obras ofertadas durante este semestre foron en proxectos de ata 500.000 euros, o 78 % do total, seguidas dos proxectos de entre 1 e 10 millóns de euros, que representaron o 11,5 %.

"Parece que superada a crise de subministracións, que retardou algo o crecemento do sector, a construción volve ser un dos motores da recuperación económica; este incremento do 11 %, o dobre que o ano anterior, e as espectaculares cifras de obras ofertadas en xuño, indican que a industria da construción está nun bo momento", sinalou o director de Mercadotecnia de Nalanda, Ricardo Muriel.

O número de obras ofertadas por comunidades autónomas seguiuno encabezando Cataluña, que acumulou un 19,1 % de todas as obras ofertadas ata xuño de 2023 (1.990 obras). Tras Cataluña, as comunidades con máis proxectos de construción foron Andalucía (1.642, un 15,7 % do mercado), Madrid (1.209, un 11,6 %) e a Comunidade Valenciana (1.024, un 9,8 %).

As comunidades que creceron en número de obras por encima do 20 % foron Murcia (33,7 %), Navarra (28,3 %), Castela-A Mancha (27,3 %), Madrid (26,5 %) e Ceuta (21.1 %). Tamén superaron o crecemento da media nacional A Rioxa, Castela e León, Comunidade Valenciana, Asturias e Aragón.

Pola contra, as únicas comunidades que decreceron en número de obras neste semestre foron Baleares (- 4,6 %) e Cantabria (- 24,1 %).

MENOS TRABALLADORES POR OBRA

A media de traballadores por obra neste período foi de 106 empregados, o que supón un 17 % menos que no primeiro semestre do ano pasado, continuando coa senda á baixa deste dato, tamén respecto de 2021, cando a media era de 165 traballadores por obra.

Segundo os datos de Nalanda, en cada proxecto traballan unha media de algo menos de catro subcontratas, cada unha das cales ten uns 29 traballadores de media, cando o ano pasado tiñan 22 traballadores, o que indica que houbo una certa concentración no sector das empresas subcontratistas.

Respecto doutros sectores afíns á construción como servizos urbanos, enerxías renovables, mantemento e explotación de infraestruturas e certo tipo de industrias, Nalanda observou tamén un significativo crecemento da actividade durante este primeiro semestre.

Edificio en construción
Edificio en construción | Fonte: NALANDA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta