Música e danzas tradicionais de seis países percorrerán a provincia de Ourense coas Xornadas de Folclore

A celebración terá lugar entre o 7 e o 16 de agosto.

Por Europa Press / Redacción | OURENSE | 01/08/2023 | Actualizada ás 19:22

Comparte esta noticia

A provincia de Ourense converterase un ano máis en referente de músicas e bailes tradicionais do mundo coa celebración, entre o 7 e o 16 de agosto, das XXXVIII Xornadas de Folclore organizadas pola Deputación de Ourense, a través do Centro Cultural Popular Xaquín Lorenzo.

Na presente edición participarán seis agrupacións folclóricas procedentes de Sudáfrica, Arxentina, Bolivia, Ecuador, Tahití e Ucraína, que actuarán en quince localidades da provincia, ademais da capital. O presidente da Deputación provincial, Luís Menor, resaltou que este evento "é un dos clásicos do verán" e tamén "un dos máis valorados por todos os ourensáns". Para exemplificalo, expuxo que desde a primeira edición, en 1984, pasaron polas xornadas 15.000 artistas de 400 agrupacións procedentes dun centenar de países dos cinco continentes, obtendo "unha media de 25.000 espectadores en cada unha das edicións".

"Son cifras que dan conta sobradamente do peso que teñen as xornadas de folclore no noso mundo cultural", manifestou lembrando ademais que desde 1999 ten o recoñecemento internacional como socio de pleno dereito da Confederación Internacional de Organizadores de Festivais de Folclore, un organismo dependente da Unesco cuxa finalidade é salvagardar, promocionar e difundir a cultura tradicional.

Así mesmo, destacou a oportunidade que supón este evento "para dar a todos os ourensáns a oportunidade de asistir a espectáculos de nivel internacional" e en especial puxo o foco na agrupación procedente de Ucraína, posto que "suporá un momento especial" para os "400 cidadáns ucraínos, sobre todo mulleres e nenos, que chegaron á nosa provincia fuxindo da invasión rusa".

O evento visitará as localidades de Allariz, A Rúa, Bande, O Barco de Valdeorras, O Carballiño, Castro Caldelas, Celanova, Entrimo, Maceda, Manzaneda, Ribadavia, Trives, Verín, Viana do Bolo e Xinzo de Limia. En cada un dos municipios participarán tres agrupacións que presentarán un total de seis espectáculos folclóricos diferentes (dous por cada unha), fóra de Ourense e Ribadavia que contarán coa participación das seis agrupacións ao tratarse da xornada inaugural e o acto de clausura respectivamente.

Unha das formacións das XXXVII Xornadas de Folclore
Unha das formacións das XXXVII Xornadas de Folclore | Fonte: Deputación de Ourense

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta