Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/08/2023 | Actualizada ás 11:10
A Asociación Hostalaría Compostela prevé unha ocupación do 81,7 % para este mes de agosto, segundo os datos obtidos entre os seus asociados. Con todo, móstranse convencidos de que esta cifra subirá coas reservas de última hora. Nun comunicado da Asociación, o seu presidente, Thor Rodríguez, lembrou que o pasado ano, nesta mesma data, a previsión era dun 72,49 %, polo que sinalou que a situación deste ano é "moi óptima", aínda que matizou que "de momento é só unha previsión e haberá que ver o balance a final de mes".
Así mesmo, mostrouse optimista, tendo en conta que "moitos establecementos" entre os asociados "xa están completos e co 100 % de reservas durante todo o mes". En canto á previsión para a ponte de agosto, a día de hoxe é dun 81,72 %, un dato "moi positivo", superior á previsión do ano pasado nestas datas.
Tamén explicou Thor Rodríguez que "hai unha desigual ocupación entre os hoteis dependendo da súa situación". "Na améndoa e en hoteis pequenos, hostais e albergues, a ocupación é practicamente do 100% e segundo te vas afastando a ocupación vai baixando. Si, prevese como un mes moi positivo para o sector", afirmou.
Agora, a preocupación da Asociación é que o gasto que fan as familias cando visitan a capital galega "non é o mesmo que o do ano pasado". "Hai unha contención por parte dos turistas que visitan a cidade, tanto do estranxeiro como do nacional, cunha rendibilidade menor para os negocios de hostalaría", asegurou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.