O Carballiño volve superar a súa marca coa tapa de polbo máis grande do mundo: 580 quilos en 10 minutos

Empregáronse tamén 45 litros de aceite, cinco quilos de sal e dous de pementos.

Por Europa Press / Redacción | OURENSE | 08/08/2023 | Actualizada ás 21:59

Comparte esta noticia

O Concello do Carballiño, e en concreto os seus pulpeiros e pulpeiras, volveu a facer historia ao lograr preparar a tapa de polbo máis grande do mundo: 580 quilos en 10 minutos. 

O Carballiño consegue un ano máis a tapa de polbo máis grande do mundo
O Carballiño consegue un ano máis a tapa de polbo máis grande do mundo | Fonte: ROSA VEIGA

Os pulpeiros de Arcos e O Carballiño citáronse na Praza Maior da localidade ourensá ás 18.30 horas para preparar o lugar e os utensilios a empregar para unha misión que levou 10 minutos. O momento de empezar a cortar non chegaría ata pasadas as 20.00 horas, con exactitude, ás 20.05 horas os artífices puxéronse ao choio para bater a súa marca utilizando 580 quilos de polbo, 65 máis que na pasada edición.

Así, tras escoitar a música da banda de gaitas, comezou a acción. Dez minutos de expectación nos que, ademais desta cantidade de polbo, empregáronse 45 litros de aceite, cinco quilos de sal e dous de pementos. Todo iso, combinado no prato típico de polbo, o de madeira, de 5,37 metros de diámetro, e un ingrediente especial sobre o que fan fincapé os pulpeiros, "o agarimo" co que se trata o cociñado do octópodo. Centos de veciños e visitantes non quixeron perderse o evento, que supón un dos días grandes da localidade e especialmente da Festa do Polbo.

800 RACIÓNS

En concreto, este ano celebrouse a XIII Tapa do Polbo, unha cita para a que se venderon 800 racións que esperaron ansiosos os asistentes que puideron seguir a execución dos pulpeiros a través dunha pantalla instalada na fachada do consistorio. Ás 20.15 horas soou o aviso: 'Tesoiras arriba!'. 10 minutos e 28 segundos despois, a tapa estaba completada e o público asistente procedía a porse en cola para recibir a ansiada degustación.

Este ano a vila do Arenteiro leva máis dunha semana celebrando a Festa do Polbo cunha programación que se estenderá ata o domingo, cando está prevista a Gran Romaría no Parque Municipal, pero entre tanto non faltarán as actuacións musicais, a representación dos grupos da xornada de Folclore e mesmo un torneo de fútbol que o venres, ás 19.30 horas, cita ao equipo local, o Club Deportivo Arenteiro, co CD Lugo no Municipal do Espiñedo.

Ese mesmo día tamén haberá animación nas rúas a cargo dunha charanga e ao día seguinte, o sábado, terá lugar o concurso de camisetas con animación de DJ na Praza Maior. Xa o domingo, o día grande da festa, haberá unha ampla programación no Parque Municipal. Ás 11.00 horas empezarán a tocar os grupos de música tradicional, media hora máis tarde abriranse os postos de gastronómicos e ás 12.00 horas haberá concertos antes da apertura do recinto oficial ás 14.00 horas. Pola noite, celebrarase unha verbena con orquestra para pór o broche á festa declarada de Interese Turístico Internacional, que este ano celebra o seu LXI edición.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta