Case 1.000 aspirantes a cubrir 89 prazas de policía local en 24 concellos de Galicia

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este luns as relacións definitivas das persoas admitidas e excluídas ao proceso selectivo de acceso por oposición libre nos corpos de Policía Local.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/08/2023 | Actualizada ás 11:07

Comparte esta noticia

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este luns as relacións definitivas das persoas admitidas e excluídas ao proceso selectivo de acceso por oposición libre nos corpos de Policía Local. Un total de 984 persoas resultaron admitidas, segundo a listaxe que publica a páxina web da Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp), informa a Vicepresidencia Primeira da Xunta.

Así, participarán nos primeiros exercicios do proceso selectivo para cubrir 89 prazas de policía local en 24 concellos da comunidade que se realizarán no recinto Feira Internacional de Galicia Abanca, en Silleda, o próximo 23 de setembro. A primeira das probas é a de avaliación de coñecementos, que consiste na realización dun test dun centenar de preguntas con catro respostas posibles, sobre os 40 temas que compoñen o contido teórico de acceso.

Na mesma xornada e inmediatamente a continuación da primeira proba, as persoas non exentas terán que someterse ao segundo exercicio da oposición, isto é, á proba de avaliación do coñecemento da lingua galega. Os aspirantes que superen esta primeira fase continuarán no proceso coas probas de aptitude física, que inclúen exercicios de velocidade, de potencia de trens superior e inferior, de resistencia xeral e de natación.

Tamén se levará a cabo unha proba psicotécnica para determinar as actitudes e aptitudes persoais e a súa adecuación ás funcións policiais, así como un recoñecemento médico para garantir que estean nas condicións adecuadas. Os que cheguen ao final do proceso deberán superar o curso selectivo de formación teórica e práctica na Academia Galega de Seguridade Pública.

MUNICIPIOS

Dos 24 municipios que ofertan 89 prazas a través desta convocatoria, a maior parte son da provincia da Coruña, coa Coruña, Ames, Bergondo, Betanzos, Carballo, Ferrol, Muxía, Narón, Noia, Padrón e Porto do Son. De Pontevedra figuran prazas en Baiona, Caldas de Reis, Cuntis, Gondomar, Marín, Ponteareas, Redondela, Sanxenxo, Tomiño, Tui, Vigo e Vilanova de Arousa. A todos estes súmase o de Lugo.

Coche da Policía Local de Ferrol
Coche da Policía Local de Ferrol | Fonte: CONCELLO DE FERROL

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta