Con todo, isto non é o que máis me preocupa, pois independentemente do que digan as sondaxes, o que realmente ten valor é o voto da cidadanía. O alarmante é que poida chegar a ter relevancia unha forza que defende medidas tan antisociais como a eliminación da prestación por desemplego, a suba do IVE (mesmo do superreducido) en detrimento do IRPF ou o tratamento d@s inmigrantes pouco menos que como se fosen escrav@s. Por se non abondase, leva tamén propostas tan graves como relegar a lingua galega a un ámbito residual, unha brutal contracción do Estado autonómico e reducir os investimentos em infraestruturas galegas ata unha cantidade puramente simbólica.
Loxicamente esta fenomenal campaña propagandística, que fixo en poucos meses que un pequeno partido catalán se expandise de xeito tan desmesurado, ten que ter un sustento económico de grupos ben poderosos que fican oculto, o cal non deixa de ser outro motivo de preocupación.
Semella claro que o electorado vai castigar fortemente o PP e o PSOE pola súa responsabilidade no deterioro das nosas institucións, pero a alternativa non pode pasar por forzas que presentan un programa con demasiados puntos en común con partidos de extrema dereita que, por desgraza, están asentados en países como Francia, Italia ou Holanda. Nunca me fiei das cousas que medran moi rapidamente a golpe de artificio e sempre fun máis partidario das cousas ben feitas, son de cociña feita a lume lento máis que de fast food.