O Concello de Santiago representa infelizmente o paradigma do deterioro institucional do que estamos a falar. Tres alcaldes nunha lexislatura, unha lista, a do PP, chea de imputad@s, parálise institucional, despilfarro en obras inxustificables... Pois a solución para a cidade que propón o señor Núñez Feijóo é presentar a Agustín Hernández, isto é, a persoa que foi corresponsable con el mesmo da elaboración da lista de hai catro anos, a dos Conde Roa, Currás, Leis, Espadas, Prado e compaña. Mandaría vostede un pirómano a apagar un incendio? Eu non, pero vese que o señor Feijóo non ten ningún reparo ao respecto.
Outra situación de dubidosa lexitimidade para concorrer como cabeza de lista a unhas eleccións atopámola no partido político Compostela Aberta (digo ben, partido político), a marca electoral de IU/PCE, Podemos e Anova. Presentar de candidato á alcaldía alguén que non reside no municipio, que é alcalde doutro Concello e do cal continúa cobrando aínda que non exerza como tal, mentres fai campaña noutro tampouco parece un exemplo de rexeneración. Se o fixese alguén doutra formación en seguida pasaría a ser identificad@ como “casta”. Alén disto, o seu proceso de elección tamén non foi dunha gran transparencia que se diga, pois o posto de candidato estaba xa blindado para evitar sorpresas por parte d@s votantes.
En Compromiso por Galicia realizamos unhas primarias abertas (as únicas en Santiago) no mes de outubro, ás que concorreron Xosemaría Rodríguez e Xosé Antón López. Puido presentarse e votar calquera residente en Compostela e, de feito, pasaron polas urnas máis de catrocentas persoas. Gañou Xosé Antón e elaborou unha lista, á que teño á honra de pertencer, formada por cualifica@s profesionais de diferentes ámbitos cunha folla de servizos absolutamente inmaculada. Isto é apostar pola rexeneración democrática, o resto son brindes ao sol.
Por iso pido o voto para Compromiso por Galicia. Moitas grazas.