Iván López: "A pesca do bacallau ten futuro mais negociar as cotas con Noruega está sendo moi difícil"

Iván López é o director xeral da armadora Pesquera Áncora, a propietaria dos dous únicos bacallaeiros que quedan matriculados en Galicia. A entrevista con Iván López céntrase na pesca do bacallau que agora mesmo pasa por dificultades ante as presións de Noruega para non ceder máis cotas á UE no caladoiro das Svalbard. Este territorio onde España ten dereitos históricos de pesca, está concentrando nos últimos tempos unha grande frota rusa de pesqueiros. Por outra parte, Vigo será este ano sede do encontro dos países da área NAFO, fronte a Canadá, onde tamén se establece outro importante caladoiro bacallaeiro.

Por Moncho Mariño | Vigo | 09/09/2023 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

-Actualmente cal é a situación da frota de buques bacallaeiros en Galicia e cantos a compoñen?

Captura de bacallau en Noruega
Captura de bacallau en Noruega

Durante os anos oitenta eran cen parellas bacallaeiras e agora quedan, literalemente, catro barcos, dous matriculados en Pasaia, Euskadi, e dous en Vigo. A efectos reais, todos baixan a pesca en Vigo por ser a zona loxística mesmo é lugar para reparacións. Aínda así, os de Pasaia botan o inverno no seu porto. Dase a casualidade de que as dúas empresas de Vigo, debido ao número das cotas, traballan todo o ano, unha alterna as dúas grandes áreas de pesca NAFO e zona de Noruega e logo a outra, que somos nós, temos grandes cotas e traballamos todo ano, por así dicilo, en Noruega. Isto era así até hai dous anos pois a partir de aí a situación é difícil en canto as negociacións co país escandinavo porque está sendo moi agresivo e pouco amable coas frotas europeas.

-Cal é o motivo?

A resposta téñena eles, mais parece que prefiren traballar coas frotas rusas que coas españolas. Iso aínda dentro do espazo onde estamos. Isto crea dúas grandes cotas, unha é a de Svalbard que é unha cota histórica, non depende de negociacións, son dereitos históricos. Desde o Brexit, Noruega vén reinterpretando eses dereitos históricos e quere deixarnos un 20% menos de cota, e non é pouco.

-Que son os dereitos históricos?

Barcos bacallaeiros
Barcos bacallaeiros

Svalbard é un territorio especial. É un arquipélago de soberanía norueguesa mais até 1920 era “terra nullis”, “terra de ninguén”. Había libre acceso a esas augas cunha importante actividade baleeira e mesmo houbo extracción de carbón. Rusia é un dos países que tamén tiñan actividade nese lugar. Finalizada a Primeira Guerra Mundial, un amplo número de países recoñece a soberanía de Noruega sobre esas illas, cunha salvedade, están obrigados a compartillar a explotación dos recursos con todos os asinantes dese tratado. España é signataria desde os anos 30 e seguiu enviando buques até ese lugar. Desde a década de 1980 os noruegueses queren asentar máis a súa soberanía sobre Svalbard e aí hai unha falta de entendemento neste punto. Eles fan unha interpretación dos dereitos históricos da que facemos na UE. Iso é o que marca esa diferenza dun 20%. Este conflicto leva activándose nos últimos catro anos, un ano parece estar máis tranquilo mais para o outro volverá activarse. O segundo punto en cuestión son as augas territoriais norueguesas onde hasi unha posibilidade de intercambio. A UE ofrécelle a Noruega cotas das súas augas e eles á UE parte das súas. Aí tamén Noruega está sendo agresiva na negociación. Se até o de agora era o mes de decembro cando acababan as negociacións, durante os últimos anos están finalizando en maio ou xuño. Finalmente, as consecuencias son unha grande distorsión na actividade pois descoñecemos a magnitude das cotas ao noso dispor e tampouco podemos pescalas até estar asinado o pacto. Este é o maior problema e ademais estamos nunha fase moi ascendente dentro do TAC do Mar de Barents mais nos últimos anos está caendo a ritmos de dobres díxitos. Por tanto, hai posibilidades de reducións de pesca logo de cinco anos anteriores moi bos.

A situación é difícil en canto as negociacións con Noruega porque está sendo moi agresivo e pouco amable coas frotas europeas.

-Está habendo tamén negociacións con Rusia en relación á pesca do bacallau?

Non hai negociacións entre a UE e Rusia e tampouco hai actividade pesqueira en augas rusas, nin viceversa. Outra cousa é que haxa empresas propiedade de cidadáns rusos mais serían empresas europeas. Pola contra, si hai relacións entre Noruega e Rusia, porque entre eles levan o caladoiro ao 50%. Teñen relacións históricas e ademais, o órgano que establece cotas oficiais para o Mar de Barents, chámase Comisión Mixta Ruso-Norueguesa. Este organismo segue funcionando a pesar da actual situación bélica en Ucraína. Hai unha importante presenza rusa nas zonas de pesca norueguesas. Os rusos venden en Noruega e ese peixe despois entra na UE como procedente do país escandinavo.

-Cal é a situación agora mesmo con Canadá?

É unha situación diferente. Alí temos unha OROP, Organización Rexional de Pesca, a NAFO, unha das máis antigas e nese lugar a pesca faise diante das augas territoriais de Canadá. Hai xa anos, a través do Tratado da Lei do Mar, establécense estas organizacións e o que se fai é, en vez de pescar libremente, os países que faenan nesas áreas reúnense unha vez por ano, en 2023 será en Vigo o día 18 comezará a Sesión Plenaria da NAFO, para debater diferentes medidas e accións. Trataríase como un caladoiro nacional mais con varios países negociando para establecer cotas. Canadá é o estado costeiro e moitos dos stocks ten un papel protagonista, a sede da NAFO está na cidade canadiana de Halifax, e iso dálle máis protagonismo. A cuestión con Canadá é algo complicada pois se falamos só das augas, a territorialidade finaliza nas 200 millas, mais se falamos de plataforma continental pode chegar até as 350 millas. Por tanto, o caladoiro de NAFO está en augas internacionais, mais o fondo, a plataforma, é canadiana. Isto crea conflitos de interese, porque ademais de ser un terreo mariño canadiano parece ser que hai moitos hidrocarburos. Por tanto, temos un grande desexo de Canadá por explotar os hidrocarburos que están baixo augas baixo regras dun organismo internacional. Así, hai zonas que se pechan para a protección da pesca para non esquilmar os caladoiros, algo aceptable. O que xa non é tan lóxico é ver unha plataforma para extracción de petróleo onde se pechara un ano para protexer os caladoiros de peixe. Así pois, a situación é moi diferente que con Noruega e as OROPS son instrumentos moi importantes e necesarios para gobernar os mares. Ao final non deixan de ser países negociando polos seus intereses.

Os rusos venden en Noruega e ese peixe despois entra na UE como procedente do país escandinavo.

-Existen acordos entre armadoras de aquí con outras de países estranxeiros para poder pescar noutras augas?

Acordos temos todos, o que si podemos facer son intercambios de cotas. Todos temos unhas cartas para xogar, mais ao mellor hai anos valían e agora mesmo non teñen sentido. Supoñamos que se pescan cen toneladas de bacallau e no medio necesito ter dúas toneladas de cabra, pois porque entran na miña cota. Resulta que ao final só teño unha tonelada de cabra, entón pode negociarse intercambiar algo de bacallau por cabra para cumprir a cota deste peixe. Nese sentido si hai moito contacto coas armadoras, estamos todos asociados mais acordos de pesca non se permiten. Un barco español non pode ter cota francesa e moito menos cota que non sexa comunitaria. Se queres ter unha cota, tes que ter un barco desa bandeira.

-Cal viría sendo o salario dun traballador nun barco bacallaeiro?

É unha pregunta difícil pois depende moito dos barcos e da situación de cota. A tradición mariñeira segue sendo a mesma, cobrar en porcentaxes de pesca, obviamente cumprindo o salario mínimo e convenios. Nas nosas empresas eu diría que os mariñeiros cobran máis do dobre do SMI constantemente.

-A tripulación é galega na súa totalidade?

Si, mesmo podemos dicir que practicamente do Morrazo.

-A día de hoxe cal é o futuro que se lle ve ao bacallau e á súa pesca?

Pois falamos dun peixe que ten moita demanda, como a pescada, mais todo depende da situación do caladoiro e haberá consideracións. Pesca do bacallau con bandeira española vai haber seguindo sempre, mais dependendo de como evolucione nos vindeiros cinco ou seis anos o caladoiro noruegués, o máis importante, e o de NAFO que está rexurdindo, poderase manter a situación actual ou haberá que ter novas consolidacións entre empresas. É unha pesca sólida, cun mercado importante, moi exportador, nós exportamos moito ao Reino Unido, e cremos que é unha pesca con moito futuro. Con todo, o momento non é moi fácil coas negociacións con Noruega.

 Un barco español non pode ter cota francesa e moito menos cota que non sexa comunitaria

-Estanse introducindo frotas doutros países dentro dos caladoiros habituais?

Os nosos caladoiros son estables, no noruegués non entra calquera aínda que se nota moito a presenza rusa e daquela cando eu comecei neste traballo, falaban dun 30% de sobrepesca por parte rusa. Iso desapareceu por sorte. O caladoiro de NAFO é un espazo moi inspeccionado e controlado, así pois, tampouco calquera pode entrar aí. Dito isto, eses problemas con frotas máis numerosas si acontecen en caladoiros de atún no Índico, no Pacífico ou no Atlántico Sur, entre Arxentina e Malvinas, hai unha presenza desmesurada de frotas chinesas. O contraditorio é que a pesca destas frotas sobredimensionadas e pouco respectuosas co mar, acaba no mercado da UE. Somos o maior mercado de peixe do mundo e todos queren vender na UE. Aí é onde nós, como frotas, nos sentimos desprotexidos porque, se ben estamos de acordo en facer as cousas cada vez mellor con novas tecnoloxías menos agresivas, todo iso custa diñeiro. Iso supón para nós máis custos, se non se lle aplican as mesmas correccións ás frotas que non se modernizan e logo envían o peixe a Europa máis barato. Déixanos sen palabras ver que un barco de aquí non pode competir con peixe que chega de China e aínda é máis barato. Isto é algo que a UE debe corrixir. Todos queremos un sistema pesqueiro respectuoso co medio, para ti garantir iso, non só debes lexislar sobre os locais senón sobre o produto que entra no teu mercado. Esta para nós é a maior ameaza, ás veces non podemos competir con ese peixe que vén de fóra da UE. Cremos que se podería aplicar un imposto ecolóxico: “se non cumpre con estas medidas, vai ter que pagar as diferenzas na fronteira”. Se non se fai algo así, temos unha ameaza moi real para a pesca europea que podería acabar en comprar menos peixe aos barcos europeos fronte aos non europeos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta